Os Premios Alfredo Iglesias entregan en Teo os recoñecementos á cultura e ao compromiso social

Desde Xornal de Compostela:
“A quinta edición dos Premios Alfredo Iglesias celebrarase o venres 16 de xaneiro, ás 20:30, no hotel Congreso, no concello de Teo, nun acto no que se recoñecerá o labor cultural e o compromiso social de persoas e entidades vencelladas ao país. Os galardóns están impulsados polo teense Álex Regueiro en lembranza do creador Alfredo Iglesias.
Nesta edición, o xurado acordou conceder o premio de Escrita a Paula Carballeira, mentres que o recoñecemento en Música recae en Wöyza. O apartado de Acción Patrimonial distinguirá ao Museo do Pobo Galego, e o de Comunicador a Tareixa Navaza.
No eido da Moda, o premio será para Katuxa Platero, mentres que en Gastronomía recoñecerase o proxecto La Central Heladera. A Promoción da Lingua distinguirá a Esther Estévez, e o apartado de Ilustración a Kiko da Silva.
A Acción Cultural será recoñecida coa distinción á Casa Museo Rosalía de Castro, mentres que o premio de Ciencia recaerá en Jorge Mira. No ámbito das Artes, o galardón será para Fuco Reyes.
En canto ao compromiso social, o premio de Acción Solidaria distinguirá a Leila Nachawati, e o de Acción Social á Fundación Dawn Compostela. O recoñecemento en Artesanía recaerá en Idoia Cuesta.
Pola súa banda, Maca Reimóndez e Carmen Fernández, produtoras da Radio Galega, serán recoñecidas co premio á Traxectoria.
O Premio á Memoria será concedido a José Luis Míguez Abucide, mentres que o galardón de Artista Revelación distinguirá a Eiris Makencíe e o de Personaxe Revelación a Marisa Prisa.
Segundo a organización, estes premios procuran afondar “nas traxectorias persoais e na relación que teñen co país as súas gañadoras e gañadores, salientando o valor da cultura e a súa promoción”, así como “o compromiso social”.”

Esther Estévez, Miguel Anxo Seixas Seoane e a asesoría xurídica da Deputación de Lugo, recoñecidos cos Premios Lois Peña Novo

Desde Nós Diario (foto de Miguel Anxo Seixas Seoane, por Xurxo Lobato):
“O xurado da XXIX edición dos Premios Lois Peña Novo acordou esta quinta feira, 22 de maio galardoar o traballo a prol da lingua galega da asesoría xurídica da Deputación de Lugo, da xornalista Esther Estévez e do historiador Miguel Anxo Seixas. Os premios, outorgados pola Fundación Peña Novo en colaboración coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, recoñece cada ano persoas, entidades ou empresas que, co seu labor, contribúen á promoción do idioma propio no ámbito das administracións públicas.
Nesta ocasión, o xurado recoñece a “iniciativa insólita e valente” da asesoría xurídica da Deputación de Lugo, un servizo que se está a converter nun referente para outras administración públicas no que ten a ver co impulso dunha “galeguización integral na práctica xurídica dunha institución pública”. Segundo destaca a acta dos premios, a asesoría, composta por sete profesionais do dereito –homes e mulleres– “utiliza exclusivamente o galego en todos os procedementos xudiciais tramitados desde a Deputación”, así como na representación xurídica dos concellos da provincia.
O seu exemplo, salientan, “tradúcese nun cambio radical nos usos lingüísticos dos xulgados de Lugo chegando mesmo ao TSXG, onde se resolven os procedementos en última instancia”. O xurado destaca o carácter innovador desta aposta que racha coa tradición desgaleguizadora do ámbito xurídico abrindo camiños para outras administracións e acreditando a súa capacidade para artellar un exercicio xurídico rigoroso, moderno e plenamente normalizado.
O xurado decidiu premiar tamén a xornalista e comunicadora Esther Estévez, polo “seu firme compromiso coa promoción e normalización da lingua galega, destacando como presentadora do espazo “Dígocho eu” –CRTVG–, un proxecto innovador, de formato breve, que combina pedagoxía e creatividade para achegar a lingua galega ás novas xeracións dun xeito atractivo e actual e que se emite regularmente acadando unha enorme repercusión nas redes sociais –TikTok, YouTube, Instagram etc.– converténdose nun referente comunicativo”.
Ademais, o xurado valora especialmente a súa capacidade para conectar coa xuventude, trasladando contidos lingüísticos de forma lúdica e accesíbel, promovendo un sentimento de orgullo e pertenza arredor da lingua galega; sumando novos seguidores e visualizacións, aos milleiros que xa están a contribuír a facer do galego “unha lingua de prestixio, moderna e útil, rompendo estereotipos e animando ao seu uso cotián en amplos sectores sociais”.
Por último, os Premios Lois Peña Novo tamén distinguen en 2025 Miguel Anxo Seixas, doutor en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e un dos máis destacados investigadores da intelectualidade galega. “O seu traballo académico e divulgativo salienta especialmente pola profunda dedicación á figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, símbolo esencial da identidade nacional galega”, destaca o xurado, quen se detén na tese de doutoramento asinada en 2017 polo autor, titulada Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación, “considerada a biografía máis completa e rigorosa publicada até o momento sobre o insigne galeguista”.
Desde 1984 Seixas fai parte da Fundación Castelao, entidade que actualmente preside, “impulsando a súa revitalización e reforzando o seu papel como axente dinamizador da memoria colectiva e da cultura galegas”. Ademais, apunta o xurado o seu compromiso coa promoción da lingua e identidade do país, así como coa recuperación de figuras clave da nosa historia e pensamento, “o que o converte, sen lugar a dúbidas, nun dos nomes imprescindíbeis do noso panorama intelectual”.
O xurado dos Premios Lois Peña Novo estivo presidido por Gregorio Ferreiro Fente, asesor técnico docente da Secretaría Xeral da Lingua, e integrado por Eva María Martínez Adega, profesora de ensino medio de Lingua e Literatura galegas; Obdulio Iglesias Otero, oficial da Policía Local do Concello de Redondela; Beatriz Varela Molares, técnica de educación do Concello de Santiago de Compostela; Xurxo Martínez González, responsábel do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, e Carme Pérez Vaquero, secretaria do colectivo Galeguizar Galicia.”