Santiago: exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia

A exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia está xa aberta, até o 25 de febreiro, no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego. A mostra está composta por unha selecta escolma de pezas que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público. Comisariada polo historiador Xosé Ramón Barreiro, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Este é precisamente o sentido do nome da exposición. Os ex libris eran as marcas que se imprimían sobre o reverso dos libros para sinalar a pertenza a unha biblioteca ou a un autor. Trátase, polo tanto, “da colección de Galicia”, a que nos referencia e define como pobo. Máis información neste enlace. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na súa páxina web, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.