Xira chinesa de Yolanda Castaño

DendeChina 2014 151 o pasado 1 de agosto e ata o 21 de setembro, Yolanda Castaño encóntrase na China convidada como ‘escritora en residencia’ e participando nun bo número de manifestacións literarias internacionais. Ademais da bolsa concedida polo Home of International Poets como poeta residente no Centro Artístico Shangyuan (Beijing), ao longo dos case dous meses de xira polo país asiático, a poeta compostelano-coruñesa ten xa intervido ou vai intervir en tres festivais de poesía, unha feira do libro, tres universidades e un acto no Instituto Cervantes.
Máis en concreto, do 2 ao 6 deste mes tiña lugar o Forum-Mesa Redonda en Qinghai (xeograficamente situado na meseta tibetana) contando cunha ponencia e lectura de poemas tanto por parte de Castaño como pola doutros autores chegados de Canadá, Sudáfrica, Turquía, Polonia, Quenia, Romanía ou China. O 15 de agosto, a galega facía parte da Noite de Gala Poética celebrada na Feira do Libro de Shanghai, a carón do Premio Nobel de Literatura V. S. Naipaul, os premios Pulitzer americanos Robert Hass e Robert O. Butler ou o húngaro Péter Esterházy. Este vindeiro 1 de setembro, Castaño intervirá na Universidade de Nanjing dentro do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, e cara mediados de mes farao na Academia Central de Belas Artes da China. Ademais, do 6 ao 11 de setembro, participará no Festival Poético de Medio Outono en Beijing e Hefei (provincia de Anhui), e do 14 ao 18, no Festival Internacional de Poesía de Pequín –que incluirá intervencións na Universidade Capital Normal de dita cidade e un obradoiro de tradución na Universidade de Beijing. Por último, na sede do Instituto Cervantes da capital do país terá lugar o 17 de setembro a conversa e o recital poético entre Yolanda Castaño e a chinesa Ming Di.