Entrevista a Elena Gallego Abad en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como xorde esta iniciativa?
– Elena Gallego Abad (EGA): Este proxecto está a dar continuidade ao traballo que se leva facendo ao longo da última década. Dragal non é algo que nacese de golpe.
A nivel literario xa van cinco libros publicados, con traducións ao catalán, inglés e mais ao castelán. No terreo do audiovisual, a produtora Ficción Producciones comezou a traballar coas obras hai uns anos. A idea era facer unha banda deseñada ou un traballo interactivo a partir das novelas da saga Dragal. É un pouco o que se vén materializando agora, levar ese universo ás novas plataformas dixitais.
A partir dos libros créase unha idea, un universo, e comeza a xurdir un proxecto educativo. Digamos que este é outro chanzo, tamén se pode empregar no eido da educación.
É unha forma de que a xente cativa se achegue a esa Galiza máxica e ademais, dada a súa proximidade ao mundo dos videoxogos, ofrecerlles algo que sexa un pouco novo. O universo literario foi o que deu a idea para levar a cabo máis iniciativas, son carreiras que van moi paralelas. (…)
– ND: Indo ás orixes, como naceu este universo literario?
– EGA: Todo comezou por un “cabreo” co meu fillo. En 2008 el era adolescente e nese momento practicamente non había fantasía en galego, quizais algunha tradución e pouco máis. Eu son moi lectora e cando ía a calquera feira do libro dicíalle que collese algún que lle gustase. A el só lle gustaban os dragóns e todo o que había era en castelán. Foi un pouco cando dixen “se non hai nada, escríboo eu”. Aí saíu esa mirada do meu fillo de “mamá, pero como vas escribir unha novela de dragóns, estás tola”. Foi cando xurdiu o reto, naceu un pouco así.
Agora xa van cinco libros. A partir dese primeiro seguimos escribindo. Cando rematou a primeira triloxía foi cando Ficción Producciones fixo a proposta para levar o universo literario un pouco máis alá, ao audiovisual. Daquelas sementes, agora saíron estes primeiros gromos verdes.
– ND: Cal é a situación da literatura fantástica en galego?
– EGA: Agora hai editoras que non existían antes, novas autoras e autores e moita máis variedade. Chamoume a atención que, cando comecei a escribir, non houbese nada. Dragal é, até onde eu sei, a saga fantástica co maior número de libros escritos orixinalmente en galego. Cando escribín a primeira triloxía, non existía ningunha en galego. Nese momento non atopabas nada, agora a situación vai mellorando aos poucos.”
Arquivos da etiqueta: Ficción Producciones
Dragal, o Harry Potter galego, salta ao cinema, o cómic e os videoxogos
Desde Praza:
“(…) Dragal salta ao cinema, ao cómic e aos videoxogos, convértese nun proxecto multimedia de distribución internacional a través de Ficción Producciones. A fínais deste ano as novelas gráficas chegarán ás librarías, en 2014 poderemos ver o filme e en 2015 Dragal será un videoxogo. Cando a Elena Gallego lle preguntan por estas similitudes coas novelas de Harry Potter, ela responde que Rowling “tivo que inventar Hogwarts, para Dragal só necesitei Galicia”.
Esa dobre dimensión, local e universal, fantástica pero cunha base real, permitirá que no proxecto se inclúan elementos coma rotas guiadas por Galicia polos “escenarios do dragón”, un proxecto multimedia de xeoposicionamento no que o patrimonio cultural galego terá unha importancia clave, comezando polo propio Códice Calixtino, ou que no videoxogo -un shooter 3D- se inclúan escenarios reais do Camiño de Santiago. E tamén merchandising ou a creación dunha comunidade virtual. (…)”.