Emma Pedreira: “Non me gusta contaminar a auga potable con malas obras”

Entrevista de César Lorenzo Gil a Emma Pedreira en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Que libro pouco coñecido considera vostede unha obra mestra?
– Emma Pedreira (EP): Antoloxía de Spoon River, de Edgar Lee Masters e Written on the body, de Jeannette Winterson (escollo este en inglés a falla dunha boa tradución que conserve os trazos de xénero que emprega a autora no orixinal). (…)
– B: Que novela lle gustaría protagonizar?
– EP: Gustaríame descubrir Fisteus era un mundo cos mesmos ollos cos que a escribiu –e viviu— Lupe Gómez.
– B: Que novela a reconciliou coa literatura?
– EP: Nunca me enfadei con ela, así que non nos reconciliamos. O que si, podemos entrar ás veces no acomodo e na morneza e daquela hai que darlle paixón e é cando leo o novo de Winterson ou de Sánchez Andrade e recupero as taquicardias.
– B: Que libro, da súa pilla de obras pendentes, é o seu favorito?
– EP: Pois nin idea, iso de estar pendente será que non o lin, así que o máis que podo dicir a isto é que dos que teño aí tenme moi boa pinta Contos completos, de Florbela Espanca.
– B: Que libro lle gustaría ter escrito?
– EP: Dous: A cámara do sangue, de Angela Carter e O incerto señor don Hamlet, de Cunqueiro. (…)”