Crowfunding para adaptar Canibalismo, de Marcos Abalde, ao cinema

Desde Erregueté:
“O colectivo Projeto Jägher, formado por Diego R. Aballe, director de cine e teatro, e Amanda Seijas, escenógrafa e directora de arte, vén de lanzar un proxecto de crowfunding para financiar unha adaptación ao cine de Canibalismo, adaptación dun texto orixinal do dramaturgo galego Marcos Abalde, premiado en 2008 co IV Premio Josep Robrenyó pola Associació d’Investigació i Experimentació Teatral. Trátase dun proxecto de curtametraxe independente, un thriller psicolóxico, cunha duración estimada duns 15-17 minutos, e que se rodará durante o mes de outubro de 2019 en lingua galega.
Tras un longo proceso de pre-produción, o colectivo quere financiar a produción do seu proxecto a través desta campaña: o obxectivo básico cubrirá desde as altas da equipa técnica e artística, até os gastos básicos de produción, escenografía, e maquinaria de rodaxe (fotografía e son) e garantirá a mellor factura posible da curtametraxe.
Canibalismo trasládanos a unha noite fría no rural galego, onde dous homes dan voltas no seu carro ata que se atopan cun mendigo inmigrante que durme nun caixeiro automático abandonado. Non queren matalo: primeiro debe confesar os seus crimes e pecados, e asumir a súa condición de besta.
Temas como o racismo, a xenofobia e o senfogarismo abórdanse de forma activa e directa neste proxecto, cuestións de actualidade, que nos afectan a tod@s, e que por desgraza son contidos moi necesarios para intentar construír un mundo máis libre e tolerante. O Projeto Jägher considera que, en relación a isto, a comunidade galega é un paradigma de convivencia e solidariedade, como pobo emigrante afectado pola diáspora durante as tres últimas décadas do século XIX até ben pasada a metade do século XX.
Súmanse a esta aventura, como co-produtores, Méjico.tv, un colectivo creativo emerxente con base en Barcelona, formado por un equipo con anos de experiencia no mundo do cine e a publicidade.
O elenco está formado polos actores galegos Toni Salgado, Fran Nogueira e Germán Prenta.
Toda a información sobre o proxecto, aquí.”