“A Fundación SM acaba de publicar o seu Anuario Iberoamericano sobre el Libro Infantil y Juvenil 2012, que inclúe un capítulo dedicado ao sector en Galicia, asinado por Isabel Soto e Xavier Senín. Nel destácase que, segundo datos do Comercio Interior do Libro de Galicia do 2010, os libros para nenos e mozos en galego achegaron 491 títulos, un incremento lixeiro con respecto ao 2010. No apartado negativo, tamén se informa da repercusión dos recortes institucionais no sector do libro, que ocasionou a cancelación de certames como o Xuventude Crea, o peche de medios de comunicación e «a evidente diminución da presenza da lingua galega no ensino». No apartado positivo, os autores sinalan a vitalidade de asociacións e de bibliotecas, e o incremento de recursos en Internet.” Vía La Voz de Galicia.
Arquivos da etiqueta: Fundación SM
Agustín Fernández Paz gaña o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil
‘”Polo seu compromiso cos valores humanos universais e o seu papel determinante na construción dunha literatura infantil e xuvenil en lingua galega”, Agustín Fernández Paz é o gañador do VII Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil, dotado con 30 mil dólares, que será entregado no marco da 25 Feira Internacional do Libro de Guadalaxara. Nacido en Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz é autor de máis de 45 obras dirixidas aos lectores infantís e xuvenís. Os seus libros, escritos orixinalmente en galego, tradúcense habitualmente ao español, o catalán e o eúscaro, ademais do coreano, o portugués, o francés, o árabe e o italiano. O xurado que lle outorgou o premio estivo integrado polos escritores e académicos Verónica Abud, Julia Calzadilla, Teresa Colomer, Alicia Molina e Xavier Senín, quen destacaron do autor “a súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas” e o feito de que “constrúe personaxes entrañables […] e ambientes onde se destaca a presenza do misterio na vida cotiá”. Fundado en 2005 co obxectivo de impulsar a literatura infantil e xuvenil en Iberoamérica, o Premio SM é convocado anualmente pola Fundación SM, o Centro Rexional para o Fomento do Libro en América Latina e o Caribe (CERLALC), a International Board on Books for Young People (IBBY), a Organización de Estados Iberoamericanos para a Educación, a Ciencia e a Cultura (OEI) e a Oficina Rexional de Educación para América Latina e o Caribe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO/OREALC), coa colaboración da FIL Guadalaxara. Os gañadores anteriores foron Juan Farias, Montserrat do Amo e Gili, Bartolomeu Campos de Queirós, María Teresa Andruetto e Laura Devetach. A entrega do VII Premio Iberoamericano SM da Literatura Infantil e Xuvenil será o martes 29 de novembro en Guadalajara.’ Vía Galaxia. Tamén reseñado en Cultura Galega, Xerais, Baía, AGE, Galiciaé, La Voz de Galicia, La Opinión, El País (Galicia), Xornal, Galicia Hoxe, Portal Galego da Língua e Mesa pola Normalización Lingüística.
Manuel Lourenzo González gaña o premio de literatura infantil O Barco de Vapor
“Manuel Lourenzo González obtivo o premio de literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013.” Vía La Voz de Galicia. Tamén en Galicia Hoxe e La Opinión.