Desde a Deputación da Coruña (foto da propia Deputación da Coruña):
“Galicia e a División Azul, do historiador ourensán Xosé M. Núñez Seixas é a gañadora do XV Premio Manuel Murguía de ensaio, convocado cada dous anos polo departamento de Cultura da Deputación e dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.
Decidiuno por unanimidade o xurado presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, e formado por Blanca Paula Rodríguez, gañadora da última edición, e Montse Fajardo, Rebeca Baceiredo, Héitor Picallo e Xurxo Martínez. Actuou como secretaria a xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes, Manuela Muñiz Souto.
O comité avaliador valorou que se trata dun texto contemporáneo “moi ben documentado e con neutralidade na exposición do contido ata a reflexión e conclusión final”. Tamén o salientou “o traballo de investigación e de arquivo notable, cunha linguaxe ensaística, estilo divulgativo e fluído, que facilita a lectura”. Tivo ademais en conta os documentos, ilustracións, gráficos, e fotografías incorporadas, “que aportan moita información de interese, o mesmo que a “notable bibliografía da que fai uso o autor e o uso coidadoso da lingua nunha obra de grande interese polo tema que aborda, a División Azul, e a súa repercusión posterior”. (…)”