Entrevista de Carme Vidal a Manuel Ferreiro en Sermos Galiza:
“(…) – Sermos Galiza (SG): Cando se abre o Glosario da poesía medieval profana galego-portuguesa a sensación é a de estar diante dun traballo de moito tempo.
– Manuel Ferreiro (MF): Desde hai anos estou centrado no estudo lingüístico-filolóxico das cantigas medievais, un monumento literario da nosa historia e do occidente europeo. Trátase da nosa carta de presentación inicial do século XIII e XIV. As cantigas foron sempre estudadas desde Portugal e Italia mentres a dimensión de investigacións desde Galiza eran reducidas. Algúns eruditos como Xosé Luís Méndez Ferrín, Cotarelo Valledor ou Filgueira Valverde achegáronse a súa edición ou investigación con mellor ou peor sorte mais a erudición portuguesa e a escola italiana impuxéronse no seu estudo.
– SG: Que relevancia ten entón achegarse ás cantigas medievais desde unha visión galega?
– MF: Estou convencido de que cando os galegos nos achegamos ao noso patrimonio medieval lemos os textos doutra maneira porque forman parte de nós, non é pasto filolóxico, é o noso pasado, o que falaban os nosos devanceiros. Nesa liña de dedicación é na que compre situar este proxecto. Desde a Galiza non nos achegamos a estes textos como arqueoloxía. Son os nosos clásicos e temos que reivindicalos, actualizalos e interpretalos desde nós mesmos.
– SG: Que supón a publicación deste dicionario do léxico das cantigas?
– MF: Detrás hai toda unha prehistoria importante. O texto das nosas cantigas foi transmitido por manuscritos e a lectura é diferente segundo quen a faga. De aí tamén a importancia deste traballo. Onde un filólogo le unha palabra outro le outra. Non é como coa imprenta, que non hai dúbida da interpretación. Para este traballo collemos todos os textos, revisáronse todos os manuscritos e todas as lecturas que fixeron os diversos editores desde 1900 até hoxe, confrontáronse as máis importantes edicións de texto. Revisei e corrixín millares de lecturas que considero que estaban erradas e a partir de aí organizouse un glosario convencional mais que é exhaustivo, non deixa fóra ningún contexto. Non fai só relación de palabras e aparicións senón que en cada unha distínguense acepcións e usos, locucións, construcións, rexencias… un traballo complexo. Calquera persoa que investigue ou calquera persoa con interese pode consultar calquera palabra dado que é accesíbel na páxina web.
– SG: Polo que di, será unha ferramenta útil para futuras edicións?
– MF: Considero que pode ser un material de consulta para unha futura edición, alén de poñelo a disposición dos galegos e galegas ademais de contribuír a traballar con máis seguranza na fixación dos textos dos nosos devanceiros. Ao noso ver era tamén a única maneira de publicar o traballo. Se fose en papel andaría arredor das cinco mil páxinas co que a súa difusión noutro soporte sería moi difícil. (…)”