O libro O mono do asasino, de Jakob Wegelius, publicado en galego e castelán polo selo editorial Sushi Books, pertencente a Rinoceronte Editora, vén de ser galardoada co Premi Llibreter ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil doutras literaturas, outorgado polo Gremio de Libreiros de Cataluña.
Traducido ao castelán por Laura Osorio e ao galego por Moisés Barcia, O mono do asasino foi elixido polo xurado, que destacou a “difícil e magnífica creación” da personaxe protagonista, a gorila Sally Jones. (…)
O director da editorial, Moisés Barcia, asistiu o pasado 27 de xuño á entrega da XIX edición dos Premios Llibreter no auditorio do Campus da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona. Xunto ao editor galego, recolleron o premio os editores cataláns desta obra, Isabel Monsó e Enric Viladot. O autor, Jakob Wegelius, tivo que ausentarse por motivos profesionais, pero enviou un vídeo de agradecemento.
Ao acto asistiron máis de 350 libreiros, autores, distribuidores e autoridades, e nel entregáronse os premios aos mellores libros do ano pasado nas seguintes categorías: Mellor libro de literatura catalana, Mellor libro doutras literaturas, Mellor Álbum Ilustrado, Mellor libro de literatura infantil e xuvenil de literatura catalana e mellor libro de literatura infantil e xuvenil doutras literaturas.”