O luns 22 de outubro terá lugar o I Simposio Internacional sobre a narrativa de Rosalía de Castro, no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela. O Simposio artellarase arredor das conferencias plenarias de tres recoñecidas expertas no estudo do século XIX hispánico e dos textos rosalianos: Andrew Ginger (Catedrático en estudos hispánicos e latinoamericanos na Universidade de Bristol), Catherine Davies (Catedrática en estudos hispánicos na Universidade de Nottingham) e Lou Charnon-Deutsch (Catedrática en lingua e literaturas hispánicas en Stony Brook University). O programa completo pódese consultar aquí.
Arquivos da etiqueta: Grupo de Investigación Rosalía de Castro
Obradoiro de Estudos Rosalianos en Cardiff/Caerdydd (Gales)
Desde Poesía Galega:
“No marco do X Congreso Internacional de Estudos Galegos, que terá lugar en Gales os días 12, 13 e 14 de setembro, anúnciase unha sesión organizada polo Grupo de Investigación Rosalía de Castro da Universidade de Santiago de Compostela, coordinado por María do Cebreiro Rábade:
Nos últimos anos, Rosalía de Castro está a acadar un protagonismo crecente no campo cultural. A súa condición de clásica da literatura galega estivo sempre fóra de dúbida, pero as diferentes posición que se lle asignaron e se lle asignan no sistema literario galego presentan indicios moi significativos sobre o funcionamento do propio campo cultural. Por medio da celebración do Obradoiro de Estudos Rosalianos, o X Congreso da AIEG quere pór de relevo que a internacionalización dos estudos rosalianos é un proceso indisociable do seu propio desenvolvemento. O Obradoiro será unha ocasión propicia para alentar un encontro entre os investigadores e investigadoras que traballan, dentro ou fóra de Galiza, no eido do rosalianismo. Convidamos aos estudosos e estudosas da obra de Rosalía a achegaren as súas propostas para participaren nesta sesión de análise da vida e da obra de Rosalía de Castro. As comunicacións poderán cinxirse, entre outros, aos seguintes obxectivos:
a) fomentar unha reflexión conxunta sobre as posibilidades de renovación dos estudos rosalianos;
b) dotar de maior visibilidade crítica o total da obra de Rosalía de Castro, recoñecendo as múltiples facetas da escritora (poeta, narradora, ensaísta, autora de manifestos, xornalista, actriz, tradutora, etc.) e as zonas de diálogo entre os distintos segmentos da súa produción;
c) alentar a renovación dos estudos biográficos sobre a obra da autora;
f) establecer as condicións de posibilidade dunha edición crítica e anotada do total da produción literaria rosaliana.
PROPOSTAS DE COMUNICACIÓNS
As propostas de comunicacións para o Obradoiro de Estudos Rosalianos deben seguir os mesmos criterios de presentación ca o resto de propostas para o Congreso, segundo se recolle na Circular da chamada a comunicacións, se ben o autor ou autora debe indicar EXPRESAMENTE que desexa que a súa proposta se inscriba na celebración deste obradoiro.
Deste xeito, as propostas para relatorios deben enviarse antes do 15 de abril de 2012 por correo electrónico a estudosgalegos@gmail.com, incluíndo os seguintes datos: título do relatorio, nome e afiliación do autor/a, correo electrónico, resumo da proposta (300 palabras), 5 palabras chave, 5 referencias á bibliografía esencial, breve biodata do autor/a (100 palabras) e información sobre o equipamento necesario para a exposición (ordenador, proxector, audio, vídeo, etc).
As propostas deben redactarse en fonte Calibri ou semellante, tamaño 12 e espazo 1,5.
O tempo destinado a cada relatorio será estritamente de 20 minutos, e este factor deberase ter presente á hora de redactar a proposta.
A lingua oficial do congreso será o galego, aínda que se admitirán comunicacións noutras linguas de uso habitual na comunidade científica.
O comité organizador do congreso, co asesoramento do comité científico composto por especialistas de todas as áreas de coñecemento implicadas, será o responsábel de revisar e seleccionar as propostas recibidas.
A notificación da aceptación de comunicacións realizarase en maio de 2012.
O estudantado participante no Obradoiro de Estudos Rosalianos tamén poderán optar ao PROGRAMA DE BOLSAS DE VIAXE PARA O X CONGRESO DA AIEG (véxase convocatoria xeral do congreso)
Para máis información: María do Cebreiro Rábade Villar (coordinadora do grupo ‘Rosalía de Castro’): m.rabade@usc.es”
O Grupo de Investigación Rosalía de Castro estrea web
“O Grupo de Investigación Rosalía de Castro, coordinado por María do Cebreiro Rábade e cun proxecto orientado ao estudo da obra narrativa rosaliana, anuncia a publicación do seu web, con información sobre produción e reunións científicas, bibliografía e máis datos.
O obxectivo do proxecto é emprender unha análise da obra narrativa de Rosalía de Castro dende tres claves metodolóxicas: historiografía literaria comparada, estudos de xénero e estudos de tradución. Asemade, o proxecto pretende contribuír á difusión social da literatura de Rosalía e participar do proceso de renovación dos estudos rosalianos.
Os membros do grupo son: Fernando Cabo Aseguinolaza (USC), Margarita García Candeira (Universidade de Huelva), Helena Miguélez Carballeira (Universidade de Bangor), Kirsty Hooper (Universidade de Liverpool), María López Sández (USC), Manus O’Duibhir (USC), María do Cebreiro Rábade Villar (USC), Mirta Suquet Martínez (USC) e Dolores Vilavedra (USC).” Vía Poesía galega.