A Polafía Historias, cantos, contos, músicas e oficios das Terras da Estrada é unha actividade organizada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co apoio da Consellaría de Cultura e o Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO) e a colaboración da A. C. Vagalumes, o Grupo Tequexetéldere e a Asociación Cultural “Tamparrantán”.
Terá lugar o venres 9 de outubro de 2015, a partir das 20:00 no MOME (Museo do Moble e da Madeira da Estrada). A entrada é libre.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o patrimonio oral, literario e musical. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio. O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber. O que sucede nas polafías é gravado e logo difundido a través da web da Sección de Literatura de Tradición Oral na web da AELG.
As polafías teñen unha duración aproximada de 120 minutos.
O coordinador da actividade é o escritor, especialista e vogal da AELG de Literatura de tradición oral, Antonio Reigosa.