“O sábado 26 de novembro, celebrouse o acto de concesión dos premios do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro 2016, organizado pola Asociación Cultural Galega Rosalía de Castro de Cornellà (Barcelona) que este ano acada a súa XXX edición.
O acto de concesión dos premios foi precedido da presentación, no Centro Cultural García Nieto de Cornellà, do libro Follas Novas de Rosalía de Castro, unha edición crítica, que inclúe notas e comentarios de Anxo Angueira sobre o texto rosaliano. Como nos ten acostumados, Anxo Angueira volveu darnos unha lección maxistral dos textos de Rosalía en Follas Novas, coa súa narración e explicación.
Pola noite, e no transcurso dunha cea celebrada nas dependencias da entidade, coa presenza do presidente da Asociación, Oliver Fernández, á que asistiron numerosos socios e amigos da entidade, así como diversas autoridades do mundo da cultura e a sociedade de Cataluña e Galicia, ademais de representantes da Corporación Municipal de Cornellà e delegacións doutras entidades galegas de Cataluña, o presidente do xurado do certame, Anxo Angueira Viturro (Presidente da Fundación Rosalía de Castro) e composto polo vicepresidente Henrique Fernández Sánchez (presidente fundador do Certame, e poeta), vogais, Carmen Penim (profesora e cantante), Xulio Simón (profesor), Xosé Lamela (escritor) e como secretario o profesor Xulio Cougil Vázquez, deu a coñecer aos gañadores deste ano 2016 na súa 30 edición do Certame de Poesía en Lingua Galega Rosalía de Castro, que foron os seguintes:
– Primeiro premio: Javier Rouco Ferreiro, da Coruña, polo seu poema titulado A escrita da Luz.
– Segundo premio: Miriam Ferradáns Ferradás, de Bueu, polo poema Situarémonos fronte ao frío, berrando.
– Terceiro premio: Modesto Fraga Moure, de Arteixo, polo seu traballo Éxodo.”