“Horizontes de mulleres”, por Eli Ríos

Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
Horizonte e mar, de Paula Cristina Rodrigues, é unha novela das que hai que ler até a última páxina. Desas que, nese punto exacto no que nos parece que comeza a ser pesada…, zas! Dá unha virada e sorpréndenos con aquilo que intuíamos, pero, ao mesmo tempo, negabamos. Queremos ler unha narración plana, pero a autora non o vai permitir. Unha historia, a historia da matriarca Francisca desde aquel decembro de 1947, no que unha traxedia no mar a converte en orfa de pai e de irmán, até xaneiro de 2013 cando morre e o bisneto Dinis recolle a súa memoria.
A narración comeza debullando a historia da peixeira Francisca cando unha desgracia marítima a deixa sen familia. Ese instante no que caen todos os seus apoios e se ten que enfrontar ás dificultades da vida para criar os fillos e sacar a casa adiante sen máis recursos que os que lle proporciona o seu traballo xa que o home se desentende completamente.
O eixo que vertebra a novela é a historia familiar, pero, esta, non acontece illada da sociedade. A través das súas páxinas, asistimos ao nacemento do Porto de Leixões, ao desenvolvemento e modernización de Matosinhos ou Leça da Palmeira, e ao reivindicar das vivencias persoais, nestes procesos, porque a Historia non se escribe nos libros, redáctana as persoas individuais. Presenciamos, entón, unha análise etnográfica, interesante e deliciosa, desde a primeira persoa. Francisca guíanos a un tempo no que as peixeiras camiñan descalzas coas cestas do peixe na cabeza desde o porto até Matosinhos para gañar uns tostões que gardan nos seus aventais, pero, tamén, a unha época na que ser muller era moi complicado. Con catorce anos ela descobre un dos grandes conflitos (e reflexións desta obra): o corpo de muller sobre o que os homes deciden sen impunidade. (…)”