Desde Brétemas, de Manuel Bragado:
“No Día Internacional da Tradución recibimos un agasallo inesperado, unha caixa de libros de Small Stations Press con exemplares das súas sete traducións máis recentes de literatura galega: One Million Cows de Manuel Rivas, Vicious de Xurxo Borrazás, Soundcheck de Miguel Anxo Murado, Polaroid de Suso de Toro, Winter Letters de Agustín Fernández Paz, I love you Leo A. de Rosa Aneiros e Dragal II. The Dragon’s Metamorphosis de Elena Gallego. Unha saída histórica en inglés para a nosa literatura contemporánea, á que non son alleos nin os esforzos do editor e tradutor Jonathan Dunne que abriu dúas coleccións específicas, Galician Wave e Fiction, como as importantes axudas achegadas pola Consellaría de Cultura para estas traducións. Esta oferta de Small Stations constitúe unha gran oportunidade para a visibilización da nosa narrativa actual tanto nos mercados internacionais de editores como no dificilísimo mercado interior do Reino Unido. Unha excelente noticia que celebramos no Día da Tradución.”