Galicia perdeu máis de 100 bibliotecas na última década

Artigo de Marcos Pérez Pena en Praza:
“A pasada semana o INE publicou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2016, uns indicadores que na última década foron reflectindo os efectos dos recortes orzamentarios e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto a fundamental función que estas institucións cumpren na sociedade, achegando localmente servizos culturais a toda a poboación. Os datos de 2016 para Galicia volven amosar un descenso no número de bibliotecas existentes e tamén no persoal destinado a elas, mantendo unha tendencia negativa iniciada hai case unha década. Descenden tamén os indicadores de utilización das bibliotecas (usuarios e usuarias, visitas en sala e préstamos), que no caso dos socios e socias e dos préstamos acadaran un máximo no ano 2012.
Entre os datos que máis chaman a atención está o do número total de bibliotecas existentes en Galicia. Observando o gráfico con máis perspectiva, vemos como entre o ano 2006 e o 2016 a cifra total caeu en máis de 100 unidades (de 591 a 486), un 17%, nunha tendencia negativa que na última década se mantivo todo o tempo. Ademais, destas 486, só 115 abren máis de 40 horas á semana, sendo o máis habitual que o horario de apertura ao público se sitúe entre as 20 e as 40 horas (269); hai, ademais, un bo número que dá servizo moito menos tempo cada semana: 64 entre 10 e 20 horas e outras 38 menos de 10 horas semanais.
“Unha biblioteca non é un luxo, senón unha das necesidades da vida”, escribiu Henry Ward Beecher. Dende moitos ámbitos vén destacándose a importancia social que teñen as bibliotecas e o seu persoal, máis aínda nos concellos pequenos, que adoitan contar con menos servizos culturais. “A biblioteca é un democratizador do acceso á información e á cultura, un servizo que se amplía á procura activa de emprego ou ao acceso a servizos sociais”, dicía nesta entrevista Xoán Manuel Pérez Lijó, secretario da Asociación de Profesionais dos Arquivos, Bibliotecas, Museos e Centros de Documentación de Galicia (Bamad-Galicia). Recentemente un informe do Consello da Cultura Galega alertaba de que “a situación de moitas bibliotecas, especialmente as de xestión municipal, é mellorable, principalmente pola carencia de persoal”. Unha carencia da que Bamad vén advertindo nos últimos anos: “Nos concellos pequenos danse todo tipo de situacións, mesmo bibliotecas sen persoal”. (…)”

Diminúe o número de títulos editados en Galicia e en galego

Desde Cultura Galega:
“En 2012 publicáronse no noso país 2.660 títulos fronte a 2.866 do ano anterior. O Instituto Nacional de Estadística publicou as cifras da súa Estatística da Produción Editorial. O mesmo informe sinala que un 45% dos titulos que se editaron en Galicia en 2012, 1.196 obras, estaban en galego. En total, saíron na nosa lingua no conxunto do estado 1.322 obras. o que supón tamén unha diminución na produción fronte ás 1.430 do ano anterior. En total, debido a mudanzas metodolóxicas, o INE xa non achega datos sobre as tiraxes, que estaban a amosar tamén unha tendencia a minguar nos últimos anos.”