Entrevista a Oriana Méndez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Que supón para vostede este premio de Afundación?
– Oriana Méndez (OM): É unha honra inmensa, un recoñecemento moi importante, non podo estar máis agradecida. Non contaba demasiado, primeiro porque os premios son sempre unha lotaría, nunca esperas pero sempre tes a esperanza, porque por iso mandaches o libro. Especialmente, non contaba porque, como tantas outras cousas, o proceso do fallo retrasouse bastante polo tema da Covid-19. É un recoñecemento que agradezo enormemente, e espero que o libro, cando poida chegar aos lectores e ás lectoras esperte interese e que os e as satisfaga, que lles diga algo e que poida estar á altura. Iso é o único que me preocupa.
– ND: O xurado falou de versos depurados, conmovedores, do íntimo… Como o definiría vostede?
– OM: Aínda que sempre lles corresponde máis ás persoas que o len definilo, creo que en salientar que vén desde o íntimo acertan, estou bastante de acordo. Adóitase considerar que a poesía que eu fago é unha poesía política ou, digamos que a política está presente, aínda que non sexa desde os tópicos da poesía social. Creo que efectivamente,este libro pode ser entendido así, como o menos político de todos. Exploro outros territorios un pouco de sombra, que teñen que ver coa conciencia da vida que se perde, por momentos fantasmal… estoume a referir á conciencia de que o mundo tal e como o coñeciamos hai anos, ou na infancia, hai un momento no que xa non existe, no que somos conscientes de que se está a extinguir. É un pouco ese mundo o que intento explorar e para iso guieime por tres poetas. Hai tres citas que abren o libro: Ingeborg Bachmann, Pimentel e Carlos Oroza, deixeime arrastrar moito, especialmente por Pimentel e Carlos Oroza, cos seus mundos tan oníricos e poderosos. Deixeime levar e deixeime entrar no territorio que eu chamaría da sombra. Un territorio complexo próximo á morte. (…)”