“Queremos sacar o divulgador que todo investigador leva dentro”

Desde559b971d168e8-ciencia_2 Praza:
“A ciencia tamén é cultura. Iso é algo que sempre tiveron moi claro os responsables de Cultura Galega, o portal informativo do Consello da Cultura Galega. Aínda que os contidos científicos sempre estiveron moi presentes (por exemplo a través dos artigos de Xurxo Mariño, convertidos posteriormente en dous libros), o portal quere agora dedicarlle á divulgación científica un espazo propio e destacado, que levará o nome de Setestrelo.
A sección foi presentada este luns, coa presenza de Francisco Díaz-Fierros (vicepresidente do CCG), Marilar Aleixandre (catedrática da USC e membro da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do CCG), a xornalista Iolanda Casal e Manuel Gago (director de culturagalega.gal). O obxectivo, destacaron, é afondar nos contidos relacionados coa ciencia, e “explicala a un público xeral, de maneira lixeira, divulgadora”. Setestrelo publicará monográficos, artigos de expertos, reportaxes e libros electrónicos e comeza a súa andaina cun especial dedicado á investigación en física de partículas e ao CERN, a organización científica con sede en Suíza e que acolle o LHC ou Gran colisor de Hadróns.
Iolanda Casal destaca o interese crecente existente na sociedade sobre a ciencia, como se pode ver nalgunhas enquisas recentes, coma a publicada hai uns meses pola FECYT. “Creo que é cada vez máis obvio para todo o mundo a importancia da ciencia na nosa vida. De forma moi evidente os contidos relacionados coa saúde, e tamén pola irrupción das tecnoloxías nas nosas vidas, cada vez máis próximas, por exemplo nos smartphones que levamos na man ou nos ordenadores que manexamos todos o días”, destaca. Sinala que o uso de Internet permitiu multiplicar as fontes de información sobre a ciencia, e non só para as persoas relacionadas con estes campos, senón para todo o mundo, “contribuíndo a alimentar esa curiosidade”.
Casal sinala que a divulgación científica é hoxe en día fundamental “para visibilizar a achega da ciencia, evitando que os investigadores e o seu traballo sexan un ente abstracto”. “Queremos amosar quen son, onde están, que fan”, engade. Isto, ademais, será importante para situar a ciencia e a investigación no lugar que merecen na sociedade, nun momento de recortes para os centros de I+D e para os seus traballadores e traballadoras. “Vivimos unha crise moi profunda, e afortunadamente vai callando o discurso de que a aposta pola sociedade do coñecemento pode ser a solución”, di.
Ademais das reportaxes e contidos xornalísticos, en cada monográfico Setestrelo contará coa colaboración de expertos específicos. “Queremos chamar ao divulgador que cada investigador leva dentro”, destaca Iolanda Casal, que sinala que “ata hai pouco non era tan común que un investigador fose tamén un divulgador, e mesmo creo que non estaba ben visto”. “Hoxe non, hoxe hai un esforzo importante por achegar a ciencia ao público xeral”, engade. (…)”