“Manuel Lourenzo González obtivo
o premio de literatura infantil O Barco de Vapor, no seu vixésimo sexta edición. Dotado con 6.000 euros e convocado pola Fundación SM, o premio pretende potenciar a creación de literatura infantil e xuvenil en galego que fomenten o gusto pola lectura e transmita valores humanos, sociais, culturais e relixiosos que axuden a construír un mundo máis digno. O xurado, formado por Manuel Figueiras, especialista en literatura infantil e xuvenil; Isabel Soto López, crítica literaria e tradutora; e Xavier Senín, catedrático de bacharelato, considera que a novela gañadora é “unha narración chea de imaxinación e fantasía, que destaca polo acertado deseño do mundo no que transcorre, co uso dunha linguaxe propia que dá conta de todas as súas peculiaridades”. Os organizadores informaron nun comunicado de que o premio se converte este ano en bienal, polo que a próxima edición se fallará en 2013.” Vía La Voz de Galicia. Tamén en Galicia Hoxe e La Opinión.
Arquivos da etiqueta: Isabel Soto
Libro aberto, programa do 20 de maio
Libro Aberto recibe esta semana ao escritor Xosé Fernández Ferreiro, un dos membros fundadores do grupo Brais Pinto, que falará da súa última novela Tempo de Centeo. Unha das reportaxes semanais analizará a corrente artística do neorrealismo, movemento que naceu en Italia como resposta á necesidade de volver ao espírito da novela realista do XIX. Despois abordarán as etapas do proceso de edición con motivo da publicación de Do orixinal ao libro. Manual de edición, obra de Juan L. Blanco Valdés que analiza este proceso e fixa, por primeira vez en galego, os termos propios da edición técnica.
O escritor Francisco Fernández Naval falará do seu último libro, Para Seguir Bailando, un conxunto de dez relatos nos que aborda temas como o abandono do medio rural, a corrupción, a memoria ou o abuso exercido sobre a muller. Na sección de crítica, Xesús Fraga analizará a obra O corazón do negror do escritor Joseph Conrad, inspirada nos seis meses que o autor pasou no Congo colonizado de Lepoldo II de Bélxica. Pola súa parte, Isabel Soto analizará a obra ¿Quen matou a Inmaculada de Silva? de Marina Mayoral. Neste libro xuvenil aparece, como noutras obras da escritora mindoniense, o espazo imaxinario e simbólico de Brétema.
Pechará o programa unha referencia ao Projecto Miño, o último traballo dun dos músicos de jazz máis gabados pola crítica europea, o ferrolán Baldo Martínez. Cunha mestura de tradición e modernidade, o Proxecto Miño permítenos entender o jazz dende as súas orixes, onde predomina a fusión e a combinación de culturas.
Libro aberto emítese hoxe mércores 20 de maio á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.
Libro aberto, programa do 22 de abril
Esta semana visita o programa Libro aberto o poeta, ensaísta e profesor lugués Claudio Rodríguez Fer, que falará do seu libro de poemas Ámote vermella. A reportaxe semanal aborda a exposición co mesmo nome, Ámote vermella, conectada con dúas obras literarias: os microtextos de Carmen Blanco publicados en Atracción Total e agora o poemario de Claudio Rodríguez Fer. Este proxecto multisoporte é unha idea inspirada no número Vermellas da revista “Unión Libre”.
O programa analizará ademais a figura de Daniel Mordzinski, tamén coñecido como “o fotógrafo dos escritores”, que retratou a moitos dos grandes nomes da literatura en español, tales como Vargas Llosa, García Márquez ou Cela.
Coma sempre haberá lugar para a crítica literaria. Nesta ocasión, Isabel Soto falará do libro infantil de Manuel Rivas O sombreiro Chichiriteiro, que edita Xerais. Despois, na sección de traducións, Xesús Fraga analizará a obra Do que estou a falar cando falo de correr, do xaponés Haruki Murakami. A lectura desta semana corre a cargo de Constantino Bértolo, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra La cena de los notables. Para rematar, imaxes do documental Lister, pronunciado Liste da académica galega Margarita Ledo Andión. O filme analiza a Europa da Fronte Popular e a España da guerra civil a través da figura do dirixente comunista Líster e das mulleres que formaron parte da súa vida.
Libro aberto emítese mañá mércores 22 de abril á noite (00:45), na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na G-2 (TDT) o luns ás 23:30 horas, ou a través da páxina web.