O Servizo de Publicacións do Concello de Lugo anuncia para o xoves, 6 de outubro, a presentación do número 13 da colección “O San Froilán dos devanceiros”. O acto terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Plenos do Concello, con entrada libre.
Nesta ocasión a publicación, coordinada por Isidro Novo e Antonio Reigosa, leva por título Memorias do San Froilán, e é o resultado das actividades prácticas que levaron a cabo os asistentes ao Cuarto ciclo do Obradoiro de Narración Oral organizado pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e que tivo lugar en Lugo entre setembro e decembro de 2015.
Realizáronse arredor de 30 entrevistas a persoas de diferentes idades e lugares que achegaron en cada caso a súa particular memoria das Feiras e Festas do San Froilán.
A obra consta de 10 capítulos que atenden a epígrafes como “Entre a lenda e a historia, algo de memoria”, “A feira”, “Barracas, tómbolas e outros garigolos”, “Comer e beber no San Froilán”, “Carreiras de motos e outras competicións”, “O teatro e outros espectáculos no San Froilán”, “A arte do engano: Carteiristas, tafures, trileiros, fazais, charlatáns e encantadores”, “As músicas do San Froilán”, “O sexo no San Froilán (A prostitución e outras formas de desafogo masculino)” e a “A memoria migrante”.
Son coautores deste libro Xosefa Anllo Fernández, María Tareixa Campo Domínguez, Marcelo Castro Pena, María Celina Cruz Rodríguez, Luz Darriba, Mónica Díaz Jublí, Jesús María Juaristi Linacero, Concepción López Fernández, Jesús Meilán Barreiro, Antonio Molejón Domínguez, Antonio Sampayo Flores, Xosefa Yáñez Anllo e Pilar Yáñez Lombardía.
A seguir, un extracto da introdución do libro:
“Durante o desenvolvemento do IV Obradoiro de Narración Oral, que tivo lugar entre setembro e decembro de 2015, foi madurando a idea de tratar de recuperar, como exercicio práctico, algún tipo de memorias da nosa colectividade. Debemos ter en conta que estes obradoiros, que patrocina a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do concello de Lugo e promove a sección de literatura oral da AELG (Asociación de Escritoræs en Lingua Galega) teñen como obxectivo incentivar a comunicación e a transmisión de coñecementos de todo tipo desde a memoria e a través da oralidade e da fonte oral.
Poderían ser outros moitos os temas escollidos para recuperar as lembranzas que transmitidas fundamentalmente por vía oral puidesen provocar en nós, nas persoas asistentes a este obradoiro, un interese maioritario. Pero foi este, a memoria das Feiras e Festas do San Froilán, o tema que desde que se propuxo suscitou a práctica unanimidade. Mais o que nun principio non tiña máis pretensión que a realización dunha actividade práctica ‑tomando como tema obxecto de investigación as Feiras e Festas do San Froilán‑ foise convertendo, paseniño, nun traballo laborioso mais pracenteiro, do que canto máis sabiamos máis queriamos saber.
Comezamos por elaborar unha enquisa que nos servise de guía, continuamos xestionando posibles entrevistas con persoas que tivesen algo que contar, transcribimos e comentamos o que nos foron contando e axiña nos decatamos de que, a pouco que nos esforzásemos, estabamos en condicións de reunir historias suficientes para elaborar algo con máis pretensións que un traballo de aula.
Este é o resultado, o libro que agora, coincidindo coa celebración das Festas de San Froilán 2016, e grazas á xenerosidade do servizo de publicacións municipal, pasa a formar parte da extensa e meritoria nómina de títulos da colección “San Froilán dos devanceiros”.”