Arquivos da etiqueta: José Manuel Felpeto
Cando era tempo de inverno: Polafía en Santaballa (Vilalba), o sábado 8 de decembro
O sábado 8 de decembro, ás 19:00 horas, na Escola Habaneira de Santaballa, Vilalba, e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título Cando era tempo de inverno, cos seguintes participantes:
– Sina Prieto (avoa).
– Beatriz Rivas (tía).
– Beatriz Currás (nai).
– Noemí Trastoy (neta 1).
– Isabel Bermúdez (neta 2).
– Clara Naseiro (Xoana).
– Alfonso Bermúdez (fillo de Xoana).
– Modesto Riero (avó).
– Manuel Ferreiro (monxe).
– José Bermúdez (recitador).
– Andres Díaz (gaiteiro).
– Concha Ramos e Sara Ledo (narradoras).
– Antón Castro (cego).
– Idea e guión: José Manuel Bermúdez, José Manuel Felpeto e Isidro Cillero.
– Coa colaboración da Asociación de Amigos da Liga Santaballesa e o patrocinio da Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo.
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.