Arquivos da etiqueta: Juan Gallego
O CDG abre a súa nova temporada coa estrea no Salón Teatro da coprodución con Pistacatro Arnoia Arnoia
Desde Agadic:
“O Centro Dramático Galego (CDG) inaugura a nova temporada de actividade pública no Salón Teatro de Santiago de Compostela coa estrea este xoves día 11 de outubro do espectáculo Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena, que coproduce coa compañía Pistacatro Produtora de Soños.
Esta será a primeira das 12 montaxes programadas ata final de ano na sede compostelá da compañía da Consellería de Cultura e Turismo, que tamén acollerá parte das proxeccións do festival Cineuropa.
Quico Cadaval regresa ao Salón Teatro como director de Arnoia Arnoia, que combina teatro e circo para levar ás táboas a coñecida novela homónima de Xosé Luís Méndez Ferrín, incluída na listaxe de honra da Organización Internacional para o Libro Xuvenil (IBBY). Neste escenario poderá verse ata o 20 de outubro, con funcións de xoves a sábados, ás 20,30 h., o domingo, ás 18,00 h., e pases matinais concertados con centros escolares do martes 16 ao xoves 18, ás 11,00 h.
Os espectadores interesados en afondar no proceso de creación e posta en escena desta nova peza de Pistacatro terán, ademais, a oportunidade de conversar ao respecto co equipo artístico no encontro que se desenvolverá ao finalizar a función de tarde do xoves 18. O espectáculo está recomendado para todos os públicos, a partir dos 10 anos de idade.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a directora do CDG, Fefa Noia, e mais o equipo artístico e de produción de Arnoia Arnoia. O circo da casa pequena presentaron hoxe esta ollada ao imaxinario múltiple de Méndez Ferrín, pasado pola peneira de Quico Cadaval.
En residencia
Na súa intervención, o director da Agadic inseriu este traballo na liña de coproducións que o CDG vén materializando xunto con distintas formacións artísticas e que leva parello, así mesmo, o desenvolvemento de residencias artísticas no Salón Teatro. É o caso de Pistacatro e tamén o doutras dúas compañías que visitarán proximamente este escenario: A Panadería regresará a Santiago do 25 ao 28 deste mes con Elisa e Marcela, tras un ano de éxitos por toda Galicia, e Pablo Fidalgo ofrecerá do 2 ao 4 de novembro a estrea galega de Anarquismos (polo medio da habitación corre un río máis claro).
Jacobo Sutil tamén enmarcou nos obxectivos da compañía pública o feito de que Arnoia Arnoia se acompañe dunha serie de funcións dirixidas a escolares, ao tempo que destacou “o tándem Méndez Ferrín-Cadaval ao servizo dun xénero tan versátil e con tantas posibilidades de crear afección teatral como é o do novo circo aplicado ao teatro e, neste caso, servido por Pistacatro, compañía pioneira nesta disciplina en Galicia”.
Os recursos circenses son aquí claves para resolver en escena as aventuras e prodixios desta historia, que comeza cando Nmonadah, un adolescente de 16 anos, perde os seus seres queridos na guerra. A partir desde momento, vese só para iniciar un camiño asexado por perigos, que adquiren forma de luminosos e inquietantes artistas de circo. Para regresar á súa casa pequena, deberá superar unha serie de difíciles probas coa axuda do amuleto Libredón e do castrón Mestre Lionel.
Ánxela Blanco, Aitor Garuz, Pablo Reboleiro, Álvaro Reboredo e Beatriz Rubio conforman o elenco de Arnoia Arnoia, que conta con Baltasar Patiño no deseño da escenografía e da iluminación; Carlos Alonso, no do vestiario; Xurxo Pinheiro, a cargo da música; Rubén Vilanova, da fotografía; Juan Gallego, da imaxe; Belém Brandido e José Expósito na produción; e Marcos Ptt Carballido e Clara Gayo como axudantes de dirección.
Venda de entradas
A venda anticipada das localidades está xa activada no web entradas.abanca.com e mais no teléfono 902 434 443. Os días de función poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.
Esta é a primeira da ducia de propostas que acollerá a sede do Centro Dramático Galego ata finais de ano e que, ademais das devanditas coproducións Elisa e Marcela e Anarquismos, ofrecerá teatro, danza e cinema para todos os públicos.
Así, o vindeiro día 21 o Festival Internacional de Títeres Galicreques presentará aquí o espectáculo El oso que no lo era, da compañía mexicana Mano y Contramano. O 30 de novembro, tras practicamente un mes de proxeccións do festival Cineuropa, o circo volverá ao Salón Teatro con Futuro animal, da man do Foro D10! e das formacións Twisting the Balance e Circo Político.
Decembro comezará con danza (Toda a beleza do mundo, de María Move, os días 1 e 2) para centrarse a continuación no teatro: Casquería e outras vísceras, de Xerpo Teatro, o 8 e 9; Sofía e as postsocráticas, de Inversa Teatro, do 11 ao 16; Soños, do grupo de teatro afeccionado Down Lugo, o día 19; e as tres propostas do ciclo Gran teatro para os máis pequenos (Nómade, de Xarope Tulú, o 22 e 23; Os fabulosos cleaners, de Malasombra, o 29 e 30; e Muiñada, de Galeatro, o 3 e 4 de xaneiro).”