Cunqueiro en Cataluña

Estudos Galegos e Portugueses e o Decanato da Facultade de Filoloxía da Universitat de Barcelona organizaron un seminario sobre a presenza do escritor mindoniense en Cataluña no centenario de Álvaro Cunqueiro. Na xornada participaron Julià Guillamon, Víctor Martínez-Gil, Blanca Ripoll, María Liñeira e Adolfo Sotelo. Os relatorios mostraron a relación de amizade e os vínculos literarios de Cunqueiro con persoeiros do sistema literario catalán como Néstor Luján, Joan Perucho, Guillermo Díaz Plaja, Josep Pla ou Joan Teixidor. Unha das achegas máis interesantes é o proxecto Enllaç entre literatures no que podemos consultar as cartas inéditas enviadas por Cunqueiro e Aquilino Iglesia Alvariño a Tomàs Garcés. Ante un numeroso público púxose en valor a obra literaria de Cunqueiro, pero tamén outras facetas complementarias como a de xornalista, gastrónomo ou colaborador da revista Destino.  Durante tres semanas poderase visitar na mesma facultade unha exposición bibliográfica que recolle boa parte da produción do mindoniense e que repasa tamén a súa biografía grazas á reprodución da exposición No niño novo do vento. Cen anos con Álvaro Cunqueiro que está estes días na Fundación Penzol de Vigo.” Vía Galaxia.