A Coruña: presentación de kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez

O xoves 7 de novembro, ás 20:30 horas, na Casa da Fariña (Praza de Azcárraga, 6) da Coruña, preséntase o poemario kleinigkeiten/cousiñas, de María Reimóndez, publicado por Fabulatorio. No acto, xunto á autora, participan Cibrán Rico, Suso Vázquez e Yolanda Castaño.

María Reimóndez: “Hai moita xente que viaxa pero nunca cambia o punto de partida”

Entrevista de Marcos Pérez Pena a María Reimóndez en Praza:
“(…) – Praza (P): Como muda a túa forma de achegarte á poesía, de escribir, dende Moda Galega até Moda Galega Reloaded, é dicir, dende o 2002 até hoxe?
– María Reimóndez (MR): Creo que a miña forma de achegarme á poesía mudou pouco, achégome a ela con rebeldía, sempre cunha certa dose de humor e tamén como o lugar onde conectan o privado e o público na miña persoa, co cal creo que é un espazo tremendamente vizoso. Sigo entendendo a poesía como unha rede para crear comunidades dunha forma preferente porque creo que o discurso poético é o máis aberto dos xéneros literarios, o cal quere dicir que pode espellar en lecturas infinitas que noutros xéneros están xa de seu máis pechadas.
Ademais, no caso de Moda Galega, o contexto sociopolítico pedía a berros un regreso. Porque os temas de Moda Galega por desgraza estaban, dez anos despois, máis a ferver ca nunca. E este si que é o grande paradoxo, que no medio dunha crise económica brutal, no canto de coller outros carreiros, se siga polos mesmos do capitalismo e do patriarcado máis atroz. Era necesario volver e abrir de novo a cidade para comprobar o horror dende a lingua mordaz e aberta,e dende aí poder encarar novas estratexias.
– P: Que imos atopar en kleinigkeiten/cousiñas?
– MR: Seguramente un poemario atípico, pero non sei, pode ser só unha percepción dende dentro da escrita. De feito interésame moito ver que entende un público galego, se cadra sentirá máis os aspectos íntimos fronte aos máis políticos do texto porque estes foron escritos coma unha seta que se envía ao corazón dunha lingua e cultura hexemónicas. Mais non teño nin idea! (…)
– P: Que contas en Presente continuo?
– MR: Van agora xa case 20 anos dende a primeira vez que collín rumbo á “India”, o poemario rematei de escribilo en 2005. Agora debo poñer o nome entre aspas porque nel conflúen as imaxes coloniais ou os conflitos políticos identitarios internos e para min xa non describe un lugar co que poida identificarme. Despois de 20 anos case falo en exclusiva de Támil Nadu, o poemario fala do proceso de chegar a onde estaba no 2005, un proceso que non remata nunca. Aínda así, creo que o máis importante desta vida (com)partida non ten nada que ver cos estereotipos nin co lugar concreto en si senón máis ben coa experiencia de descentrarse, de trasladarse sobre todo mentalmente a un lugar moi diferente daquel do que partiches e non falo precisamente de viaxes literais porque hai moita xente que viaxa pero nunca cambia o punto de partida. No caso da India é algo moi patente: a xente que viaxa e só ve o que a nosa educación colonial nos inculcou (as cores, os sorrisos, a pobreza…).
Este poemario defende máis a escoita que a mirada porque aí é a outra parte quen ten a posibilidade de definirse e nós o papel de deixar que nos modifiquen a orixe. A miña forma de entender a vida, as miñas alianzas, víronse totalmente transformadas neste proceso. O meu activismo nace desa escoita e analizo todo o que oio coas prioridades das que non adoitan ter voz en mente, busco crear espazos onde poidan falar por si mesmas. Este proceso non remata nunca, por iso o presente continuo, igual que non debe de rematar nunca a visión crítica sobre nós mesmas e a nosa sociedade cando entra en contacto coas outras. (…)”

Santiago: presentación de Presente continuo, kleinigkeiten/cousiñas e Moda galega reloaded, de María Reimóndez

O xoves 17 de outubro, ás 20:00 horas, na Libraría Lila de Lilith (Rúa Travesa, 7) de Santiago de Compostela, preséntanse os libros Presente continuo (Xerais), kleinigkeiten/cousiñas (Fabulatorio) e Moda galega reloaded (Positivas), de María Reimóndez. No acto, xunto á autora, participan Susana Arins, Fran Alonso, Cibrán Rico, Suso Vázquez e Paco Macías.