O martes 7 de maio terá lugar un encontro na Universidade de Pisa onde se presentarán as tres obras que desde os Centros de Estudos Galegos de Italia se publicaron no ano 2018. A esta cita acudirán os directores dos tres centros que existen neste momento en Italia: Giovanni Borriero da Universidade de Padova, Attilio Castellucci da Universidade La Sapienza de Roma e Carlo Pulsoni e Marco Paone da Universidade de Perugia. Con eles conversarán Fabrizio Cigni e Valeria Tocco en representación da Universidade de Pisa.
Organiza o encontro a cátedra Antero de Quental–Camões integrada no Departamento de Filoloxía, Literatura e Lingüística da Universidade de Pisa. Cómpre destacar a vitalidade dos Centros de Estudos Galegos de Italia xa que no ano pasado deron ao prelo os volumes Lois Pereiro. Poesia ultima di amore e malattia a cargo de Marco Paone e publicada pola editorial Aguaplano, unha tradución do célebre libro do autor monfortino; La letteratura galega. Autori e testi, a cargo de Giovanni Borriero e Gemma Álvarez Maneiro publicada pola editorial Carocci, e La lingua delle cantigas. Grammatica del galego-portoghese, a cargo de Pär Larson e publicada tamén por Carocci.
De feito, esta última editorial, de grande prestixio no ámbito universitario italiano, habilitou a colección Finisterrae coa finalidade de dar a coñecer textos relacionados co ámbito cultural galego. A selección e edición dos volumes da serie Finisterrae corre a cargo dos tres directores dos centros de Estudos Galegos en Italia.
Arquivos da etiqueta: La letteratura galega. Autori e testi
Compostela: presentación da antoloxía La letteratura galega. Autori e testi
O 29 de xaneiro, ás 12:00 horas, na Sala Sarmiento do Pazo de San Roque (Secretaría Xeral de Política Lingüística, Rúa de San Roque, 2), en Santiago de Compostela, o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Padova, o Centro de Estudos Galegos da Sapienza, Universidade de Roma e o Centro de Estudos Galegos da Universidade de Perugia, xunto coa SXPL, presentan La letteratura galega. Autori e testi.
Trátase dunha antoloxía en italiano que recolle 50 figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. No evento participarán: Xesús Alonso Montero (autor do prólogo da obra e académico da RAG), Giovanni Borriero (editor do libro e director do CEG de Padova), Gemma Álvarez Maneiro (coeditora da obra e exlectora da Universidade de Padova), Víctor Fernández Freixanes (presidente da RAG) e Valentín García Gómez (secretario Xeral de Política Lingüística).”