Arquivos da etiqueta: LGx15
Compostela: nova edición de LGx15, o 24 de novembro
Desde a Coordinadora de Traballadoras/es de Normalización da Lingua:
“O vindeiro 24 de novembro terá lugar unha nova edición de LGx15. Ideas para o futuro da lingua, evento que organiza a CTNL para compilar e difundir experiencias, opinións e propostas para influír positivamente no futuro do noso idioma. Desta vez contaremos con oito presentacións que nos transmitirán de maneira visual, entretida e divertida ideas, argumentos e consellos para incidir nas actitudes e na conciencia lingüística. Haberá ademais humor e música, é dicir, consistirá nun evento pensado para o entusiasmo, a diversión, a reflexión e o futuro do galego.
En LGx15 intervirán Alberte Lamazares (labrego, que nos propón tratar un dos principais usos da lingua: falar), Belén Regueira (comunicadora, convertida ese día en conselleira para neofalantes), Elena Ferro (zoqueira, quen nos falará sobre a necesidade de defender o noso), Diana Fernández e David Díaz (responsables do blog Bolboretas no bandullo, que mesturarán ingredientes culinarios e lingüísticos), Marcus Fernández (webmáster de Código Cero, que nos falará das TIC en galego), María Yáñez (costureira de Internet, que nos demostrará que hai vida despois do Xabarín coa primavera millenial), Mark Wiersma (músico, quen nos levará até o ano 2050 coa lingua e o son) e Rosalía Fernández Rial (profesora e poeta, que nos aclarará como a nosa lingua é latente de todas as demais).
E haberá tamén nesta nova edición música en directo, humor e improvisación, pois contaremos coa actuación do grupo Poetarras e conducirán o acto os regueifeiros Josiño da Teixeira e Luís O Caruncho.
LGx15, Ideas para o futuro da lingua terá lugar o xoves 24 de novembro, ás 18.00 h, na Sala Capitol de Santiago de Compostela. As entradas para o evento xa están á venda ao prezo de 6 euros (na rede aquí, e fisicamente nos próximos días na Tenda A Reixa, agora situada no número 46 da compostelá rúa do Hórreo). O día do evento custarán 10 € na billeteira.”
Venda especial de entradas para grupos de alumnado de ensino secundario
Como o LGx15 vai de futuro, desde a CTNL queremos facilitar a participación de rapazas e rapaces de secundaria e/ou bacharelato baixo a responsabilidade dun/dunha docente. Con este fin reservamos un número limitado de localidades para grupos de estudantes. As condicións para acceder a estas entradas son as seguintes:
-Grupos: de entre 8 e 20 estudantes, e sempre baixo a responsabilidade e acompañamento dun/dunha docente do centro.
-Cursos: 3º ou 4º de ESO ou Bacharelato.
-Prezo: 2 € / alumno/a.
-Reservas: é o/a docente responsable quen debe solicitar a asistencia dun grupo, e debe facelo enviando un correo a info@ctnl.gal cos seus datos, nome do centro e localidade, número de alumnos/as e cursos.
-Prazo de solicitude: até o 11 de novembro.
O número de entradas reducidas que podemos ofrecer para estes grupos é só de 60, polo que atenderemos as solicitudes tendo en conta a orde de chegada e mais a variedade de centros (xa que logo, poderase limitar a asistencia a un grupo por centro).
Máis información a través do enderezo electrónico info@ctnl.gal”