18.00 Contacontos con música: O grupo musical Mamá Cabra interpreta a súa obra: Todos os animais ao caixón.
19.30 A Associaçao de Amizade Galiza-Portugal presenta o libro Galiza: Língua e sociedade (XIV Ensaios), de Luis V. Aracil, J. Conill e outros autores, publicado pola Academia Galega da Língua Portuguesa. O acto estará moderado por Alessandro Banhos Campo e participaron no mesmo Ângelo Cristovao Angueira e Miguel Cupeiro Frade, coautores do libro.
20.00 O escritor Isaac Otero asinará exemplares do seu libro de poesía Nupcias de las palabras.
20.30 O escritor Luis Rei Núñez, asinará exemplares do seu libro Monte Louro (Premio Blanco Amor 2009), publicado por Edicións Xerais de Galicia.
20.30 Vida y obra de Louis Braille. Conferencia impartida polo Director do Centro de Recursos da ONCE en Pontevedra, José Ángel Abraldes Rodeyro, co gallo do nacemento do inventor do sistema de lectura para invidentes.
Arquivos da etiqueta: Luís Rei Núñez
Pontevedra: presentación de Monte Louro, Premio Blanco Amor 2009
Mañá xoves preséntase en Pontevedra o libro Monte Louro de Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor 2009. O acto, que contará coa intervención de Armando Requeixo, Manuel Bragado e Luís Rei Núñez, comezará ás 20,00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, Edificio Café Moderno de Pontevedra.
Adeus ao programa Libro aberto da TVG
Reproducimos polo seu interese a carta de despedida que acaba de enviarnos o responsábel do programa, Luís Rei Núñez:
Amigos do programa Libro aberto:
Nestes días estase completando o proceso de renovación do equipo directivo da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, e os novos responsables da Galega tomaron a decisión de suprimir o Servizo de Cultura, creado en outubro de 2005.
Está por ver a continuidade de programas que nestes anos foron consolidándose na grella, como Miraxes, Planeta cine, Alalá, Onda curta ou Ben falado!. De momento, o primeiro que desaparece é Libro aberto, cuxa última emisión será a da noite do 24 de xuño.
Dado que ese programa de Libro aberto xa está gravado e non hai nel ningunha despedida dos seus seguidores e amigos, xa que a decisión nos foi comunicada con posterioridade, quero aproveitar o medio polo que habitualmente nos comunicamos para despedirme e agradecervos a vosa atención e interese.
Se en anos anteriores a pausa era só durante o tempo de verán, sabendo que volveriamos en setembro, esta vez, lamentablemente, descoñecemos se será un adeus para sempre, perdendo esta canle pública o espazo que durante catro anos acudiu puntualmente á súa cita semanal cos amantes dos libros e da literatura.
Foron 127 emisións, con máis de duascentas entrevistas a autores galegos (como Fernández Paz, Manuel Rivas, Marina Mayoral ou Luz Pozo Garza), e de fóra (como Bernardo Atxaga, Ferreira Gullar, Eduardo Galeano ou Luis Sepúlveda); con presenza en feiras como as de Guadalajara (México) ou Bolonia; con monográficos como os de Brais Pinto, Xosé María Castroviejo ou Ramiro Fonte; e, por que non dicilo, con recoñecementos como o Premio Fernández del Riego dos editores galegos e cunha audiencia que (sempre que a emisión foi os mércores ás doce e media da noite) triplicou a dos programas similares doutras canles públicas.
Lonxe de calquera sectarismo, prestando atención ás novidades da nosa ampla oferta editorial, e achegándonos a clubes de lectores e librerías de toda Galicia, Libro aberto acolleu autores de todos os xéneros e xeracións, que tiveron no espazo unha ventá inmellorable para conseguir a necesaria visibilidade na sociedade para a que traballan.
Desde o convencemento de que pechar para sempre un espazo dedicado ós libros sería un gravísimo paso atrás, despídome de vós formulando o desexo de que en setembro, e como á volta dos tres veráns anteriores, a Televisión de Galicia volva deixar que a literatura atope un moi necesario espazo nas súas emisións.
Un saúdo afectuoso,
Luís Rei Núñez
Director de Libro aberto
Luis Rei Núñez fala dos Premios Xerais (vídeo)
Luís Rei Núñez, Premio Blanco Amor de novela
O xurado do Premio Blanco Amor de novela elixiu o pasado sábado a Luís Rei Núñez como gañador coa obra Monte Louro, que ao longo de catrocentas páxinas percorre a biografía dun personaxe no Muros dos anos corenta, a Barcelona dos sesenta e a Arxentina dos nosos días. Foron designadas como finalistas as novelas presentadas cos lemas O pasado aínda está por vir e Un último destino.
Luis Rei Núñez na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña
O mércores 28 de maio Luis Rei Núñez charlará cos participantes do obradoiro de escritura da Biblioteca Municipal de Estudos Locais e dos clubes de lectura das Bibliotecas Municipais da Coruña sobre a súa novela Urbano Lugrís e a negra sombra, Premio Nacional da Crítica en 2007.