Número 22 da revista Xistral

Información enviada por Toño Núñez:
Xistral, a Revista Lucense de Creación Poética creada por Manuel María no ano 1949, non poderá ser presentada este ano de maneira convencional debido ás circunstancias que concorren.
Esta publicación, recuperada por Camilo Gómez Torres no ano 2000 coa autorización e compracencia do poeta chairego, edítaa a Área de Cultura do Concello de Lugo e neste ano 2020 chegou xa ao número 22. Camilo Gómez Torres, amigo persoal de Manuel María, ademais de refundala, exerceu as funcións de coordinador dende o número 3 ata o número 20, momento no que pediu o relevo e se fixo cargo da coordinación Toño Núñez.
Este número 22 de Xistral inclúe 130 poemas de 77 poetas, 35 mulleres e 42 homes, e engalanan as súas páxinas 8 ilustracións das irmás Conchita e Luísa Paz Montenegro. A pluralidade é a característica que define esta revista poética. Pluralidade en canto ás traxectorias e os currículos das e dos poetas participantes, pois publican nela poetas de base e poetas que son referencia na nosa poesía contemporánea; interxeracional, temáticas e estilos diversos, pluralidade lingüística…
A presentación, que estaba prevista para hoxe, venres, 13 de novembro, despois de ser adiada xa por tres veces, non poderá celebrarse de maneira convencional. Os novos aforos establecidos e a imposibilidade de que as e os poetas de fóra da cidade poidan acudir ao acto, ademais da complexidade do desenvolvemento do mesmo dada a numerosa participación, motivaron a suspensión do evento. A idea inicial fora presentar Xistral o Día da Poesía, mais as medidas de confinamento impedírano; despois, a presentación programouse para o día 30 de outubro no Vello Cárcere de Lugo, e tampouco puido ser debido a que as 30 prazas de que dispoñía este espazo quedáronse insuficientes; finalmente, diante das últimas disposicións das autoridades competentes, a presentación de hoxe, que ía ser no Salón de Actos da Deputación Provincial de Lugo, suspendeuse tamén. En consecuencia, Maite Ferreiro, concelleira da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Toño Núñez, actual coordinador, acordaron cancelar definitivamente a presentación do número 22 de Xistral e comezar co proceso de elaboración do seguinte número, o 23. Será, pois, no 2021 cando se presenten conxuntamente os números 22 e 23; confiando en que para daquela se teña recuperada a normalidade sanitaria e social.
Este número 22 de Xistral poderase recoller nas dependencias de Cultura do Concello de Lugo, ou ben, solicitándoo, enviaranse os exemplares aos domicilios das e dos poetas colaboradores, que, en breve, recibirán a carta convite para participar no seguinte número.”