Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Supoño que nun futuro non moi lonxano cumprirá revisar a achega literaria -nomeadamente narrativa, ensaísta e dramatúrxica- de Daniel Cortezón (1927-2009). A súa traxectoria vital é ben merecente de atención como, sobre todo, o seu perifl creador marcado, como el deixou dito, polo devezo de saber: “Eu son absolutamente autodidacta. Apenas fun á escola para aprender as primeiras letras. Da biblioteca de Ribadeo lin, ao longo de vinte e tantos anos, no mostrador da farmacia, os máis de 3000 volumes cos que contaba”.
Deixo aquí unha mostra dun manuscrito seu pertencente a unha carta que lle enviou, desde o seu Ribadeo natal, a Ramón Piñeiro, o 4 de outubro de 1953 (a miña gratitude á Fundación Penzol pola colaboración).
Arquivos da etiqueta: Manuscritos
Manuscritos: Xosé Díaz Jácome
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Nos fondos da Fundación Penzol consérvase este manuscrito que desde aquí se dá a coñecer. Trátase do poema “Éstase” de Xosé Díaz Jácome, autor que foi de tres libros de poemas: Primeiras cantigas de amor (1936), Pombal (1963) e Muíño Fidel (1983). Este que aquí se incorpora asínao o autor mindoniense, en papel timbrado do Faro de Vigo -xornal no que traballou durante moitos anos como xefe de redacción-, o 12 de decembro de 1953. A miña gratitude á Fundación Penzol pola cortesía.”
Manuscritos: o onte e o hoxe da escrita (nosa), por Ramón Nicolás
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica:
“Algunhas voces suxeríronme que reparase no interese que suscitaba unha sección que naceu ao abeiro dun blog que manteño desde hai algún tempo no que daba a coñecer manuscritos de carácter literario que se xeraron ou xeran na nosa tradición.
O éxito da sección, relativo e polo demais nunca mellor dito moi virtual, confírmame a enorme potencialidade que atesoura a Rede pois posibilita poñer en marcha proxectos que poden acadar resultados inesperados e, aínda máis, cando estes non se nuclean nin arredor das novidades editoriais nin nos eidos da actualidade literaria.
Talvez o atractivo do proxecto radique nesa aliaxe contrastiva entre os trazos do soporte que difunde as mostras caligráficas e esa fonte máis primordial da creación literaria que son os propios textos escritos a man e agora desvelados. Malia o que se poida pensar nun tempo como o que vivimos no que a tecnoloxía parece dominar as nosas vidas, o proceso que segue o nacemento dos textos creativos agroma, en moitos casos aínda hoxe, dunha pluma ou un bolígrafo a riscar nun papel ou nas follas dun caderno de notas, nuns panos de papel dun bar, nuns folios soltos ou sobre un libro xa editado.
Sexa como for, todos os manuscritos que até o de agora se compilaron encerran esoutra cara máis íntima e privativa do proceso de creación. A todas e todos quen abrazaron o proxecto con xenerosidade, grazas; a quen o fagan no futuro tamén. Os manuscritos tamén espellan, nalgunha medida, o onte e o hoxe da nosa creación literaria.
Este artigo publicouse nas páxinas do semanario Sermos Galiza (nº 41, 5 de abril de 2013) no espazo que acolle colaboracións de membros da AELG.”