Entrevista de Marcos Candia a Antonio Reigosa no blogue Cultura e Ocio:
“Amplamente coñecido pola súa faceta como escritor e investigador da mitoloxía popular galega e da literatura de tradición oral, Antonio Reigosa, é agora tamén cronista da cidade que o viu nacer.
Dende este blog, queremos coñecer de primeira man as súas impresións para este novo cargo que se achega a súa vida.
– Cultura e Ocio (CO): ¿Que supón para vostede este nomeamento?
– Antonio Reigosa (AR): Son consciente de que é unha honra coa que me agasalla a actual corporación municipal e que supón ao tempo unha gran responsabilidade. Honra polo significado e peso acumulado ao longo da historia de Mondoñedo e por tantos persoeiros excepcionais que van asociados a este topónimo. E unha responsabilidade tamén enorme porque na relación dos anteriores cronistas mindonienses hai nomes de tanto respecto e admiración para min como Eduardo Lence-Santar, Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome e Francisco Mayán.
– CO: ¿Como espera axudar a Mondoñedo, dende o seu novo posto?
– AR: Estou disposto a axudar no que se me pida e no que, modestamente, poida aportar con algunha idea de utilidade. A miña función vai ser, ten que ser á forza, de colaboración. E, sobre todo, sempre co obxectivo de levar o nome, a excelencia e a historia de Mondoñedo ata onde nos sexa posible pregoala. (…)
– CO: Por último cedemos a palabra, a quen dende agora é a voz da nosa Cidade, para fechar así esta entrevista.
– AR: Só podo reiterar o meu agradecemento a esta corporación municipal por crer que podo ser de axuda para Mondoñedo e que no meu ánimo está facer o posible por corresponder a esa confianza. A verdade é que tiñan moito onde escoller, afortunadamente. Hai polo menos media ducia de homes e mulleres mindonienses, ou algún máis, que merecerían por moi diferentes razóns ocupar este lugar. Tocoume a min e síntome moi afortunado, así que só podo devolver ese agarimo con traballo e ilusión. Mondoñedo merece que nos esforcemos polo que leva contribuído ao esplendor da lingua e cultura deste país. A memoria de M. Leiras Pulpeiro, Pascual Veiga ou Álvaro Cunqueiro, por citar só tres das estrelas do noso paraíso patrio, ben merecen un puñado de entusiasmo de todas e todos os mindonienses.”