“No día 28 de novembro de 1922, hai cen anos, producíronse os Sucesos de Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui. Neles, por disparos da Garda Civil, perderon a vida a labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ambos os dous do municipio de Salceda de Caselas, e mais dunha ducia de persoas resultaron lesionadas ben por feridas de bala ou contusións diversas, cando participaban nunha concentración solidarizándose cun veciño da localidade que non pagou rendas de foro e opóndose ao embargo xudicial de bens por dito impago.
Para conmemorar a efeméride destes tráxicos acontecementos o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) vén organizando diversas actividades. Unha delas foi instar do Parlamento de Galicia unha “Declaración de recoñecemento ao agrarismo galego“, que foi dada a coñecer na sesión do Pleno do Parlamento, do 23 de novembro (achegamos enlace).
Pola súa vez, prográmanse actos de conmemoración, nos días 27 e 28 de novembro, que se indican de seguido:
No 27 de novembro (domingo) a partir das 11:00 hs: Acto de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo; achegase programa.
No luns, día 28 de novembro, data do Sucesos de Sobredo:
Ás 17:00 H (cinco da tarde), en Tui, na confluencia coa Av. da Concordia, acto de descobrimento da placa que da nome á “Rúa Mártires de Sobredo“.
Ás 19:00 H (sete da tarde), na sala de conferencias do edificio Francisco Sánchez (antiga área panorámica):
– Conferencia polo historiador Bieito Alonso, “Sobredo na memoria“.
– Interpretación musical de Samuel Diz.”