Desde a AELG animamos á lectura do poema de Ramón Cabanillas dedicado á loita de Sobredo, no seu 100 aniversario

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a petición do Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, IEAMSo, propoñémosvos que este 28 de novembro, data en que se cumpren 100 anos dos Sucesos de Sobredo (Tui), exemplo das loitas agraristas que mobilizaron o primeiro cuarto do século XX e que tanta influencia tiveron na literatura nosa, leades este poema de Ramón Cabanillas dedicado á súa loita.

Sobredo e Tui: actos de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo, os 27 e 28 de novembro

“No día 28 de novembro de 1922, hai cen anos, producíronse os Sucesos de Sobredo, lugar da parroquia de Guillarei, no concello de Tui. Neles, por disparos da Garda Civil, perderon a vida a labrega Cándida Rodríguez González, natural de Pazos de Reis, municipio de Tui e os labregos Venancio González Romero, natural de Budiño e Joaquín Estévez Besada, natural de Soutelo, ambos os dous do municipio de Salceda de Caselas, e mais dunha ducia de persoas resultaron lesionadas ben por feridas de bala ou contusións diversas, cando participaban nunha concentración solidarizándose cun veciño da localidade que non pagou rendas de foro e opóndose ao embargo xudicial de bens por dito impago.

Para conmemorar a efeméride destes tráxicos acontecementos o Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo (IEAMSo) vén organizando diversas actividades. Unha delas foi instar do Parlamento de Galicia unha “Declaración de recoñecemento ao agrarismo galego“, que foi dada a coñecer na sesión do Pleno do Parlamento, do 23 de novembro (achegamos enlace).

Pola súa vez, prográmanse actos de conmemoración, nos días 27 e 28 de novembro, que se indican de seguido:

No 27 de novembro (domingo) a partir das 11:00 hs: Acto de conmemoración do centenario dos Sucesos de Sobredo; achegase programa.

No luns, día 28 de novembro, data do Sucesos de Sobredo:
Ás 17:00 H (cinco da tarde), en Tui, na confluencia coa Av. da Concordia, acto de descobrimento da placa que da nome á “Rúa Mártires de Sobredo“.
Ás 19:00 H (sete da tarde), na sala de conferencias do edificio Francisco Sánchez (antiga área panorámica):
– Conferencia polo historiador Bieito Alonso, “Sobredo na memoria“.
– Interpretación musical de  Samuel Diz.”