“O Centro PEN de Galicia entregou este venres 28 de setembro os premios literarios Rosalía de Castro, que se celebran de modo bienal. A entrega tivo lugar no marco dunha velada literaria que se celebrou no Pazo de Fonseca, en Santiago. Esta é a novena edición dunhas distincións pensadas para honrar tanto a lingua e a literatura galegas como as de países ou linguas próximos. Esa característica reflíctese nos premios deste ano, que o xurado outorgou ao portugués Jose Viale Moutinho, á vasca Miren Agur Meabe, á bonaerense María Esther Vázquez e ao barcelonés Enric Casasses. O acto foi presidido polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez Abad; o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o presidente do PEN-Galicia, Luís González Tosar, ademais do alcalde de Santiago, Ángel Currás Fernández, entre outras autoridades.O conselleiro destacou que a literatura galega actual conta con diversas “obras sólidas e imaxinativas, sempre na vangarda e frecuentando o mellor que se fai fóra, sen mimetismos nin servidumes impostos pola moda”, pero fixo fincapé na obriga que ten a Administración de apoiar “todo o que signifique unha maior presenza exterior dos nosos autores e dos seus libros”.” Desde Galiciaé.