O día 23 de xuño comeza a preinscrición no Mestrado Literatura, cultura e diversidade, na Universidade da Coruña, na modalidade de semipresencial, a tempo completo ou, se se prefire, parcial. Pódese ampliar a información sobre o mestrado nesta páxina.
Impartirase en modalidade semipresencial e as sesións serán en horario de tarde dous día á semana, xoves e venres. A matrícula pode realizarse como estudante a tempo completo ou a tempo parcial. Para poder cursar o mestrado é necesario realizar preinscrición aquí. O primeiro prazo vai de 23 de xuño a 13 de xullo.
Este Mestrado da Universidade da Coruña está organizado en dous cuadrimestres: no primeiro con materias dos módulos comúns e no segundo, as do módulo específico, coa participación de profesorado da área de Filoloxías Galega e Portuguesa; as materias da especialización no ámbito galego-portugués contarán tamén coa presenza en seminarios específicos de profesorado externo á UDC, como Justo Beramendi, Antón Figueroa, Francisco Rodríguez, Paula Guerra, Alva Martínez, Meri Torras e Ana Romaní.
O Mestrado é especialmente útil para renovar metodoloxías, actualizar coñecementos e pór ao día todo o relacionado coa Literatura en xeral, e coa nosa literatura, en particular, para alén de posibilitar a eventual realización dunha tese de doutoramento no ámbito dos estudos literarios e culturais.
Pódese descargar este documento con máis información: MLCD Diptico.