MicroQontos para ler entre tweet e tweet

“Daniel Landesa creou hai un tempo un certame de microrrelatos no seu blogue. A iniciativa tivo éxito e nela participaron moitos internautas, e entre eles algúns escritores e escritoras recoñecidas, coma Mario Regueira, Rubén Ruibal ou Fran Castiñeira. O resultado do certame foi un pequeno blog que facía un compendio de todos eles e que, a día de hoxe, segue en liña para quen o visiteOfrecémosvos un breve libro que compendia todos aqueles contos, exemplos dunha cultura cativa e orgullosa de selo, porque “como cultura cativa facemos moito e ben”. Iso é o que explica o propio Landesa no limiar do libro, que engade que “non termos unha British Academy permítenos certa liberdade de acción, innovación e orixinalidade. E, sobre todo, permítenos, como culturiña que somos, achegar moitas cousiñas fermosas, cativeces que supoñan pequenos proxectos. Porque todo suma. Así naceu este certame na rede. Como forma de demostrar a aqueles que din que esta nosa pequena cultura só sobrevive a golpe de talonario administrativo que están errados, moi errados”. O cerne do asunto consistía en convocar un certame sen gañador, sen premio en metálico, “sen xantares nin festas”. O resultado foi este conxunto de pequenas belezas a modo de microrelato que foron caendo pola rede en pingas salferidas ao longo dos últimos meses do ano 2009 e dos primeiros do 2010 como unha auga fresca e libre desa chamada “creación subvencionada”. (…)” Vía Praza.