Entrevista de Laura Fernández a Xoán Carlos Domínguez Alberte e Minia Domínguez Diéguez en La Región:
“(…) Faísca é esa partícula incandescente que se produce polo choque entre determinados corpos, como a cinza que salta do lume. É tamén o nome do novo poemario de Xoan Carlos Domínguez Alberte.
O máis persoal e desgarrador traballo do autor de Escudeiros (Ramirás) xurdiu dunha situación familiar difícil, na que se mergullou a súa filla maior, Minia Domínguez, de 18 anos. “Faíscas é un libro de poemas que trata de dar desafogo a unha situación familiar moi difícil, en relación cunha doenza grave e mantida no tempo, case catro anos e moitas hospitalizacións”, lembra o poeta, quen, como nunha catarse ante o que lle estaba a ocorrer á súa filla, envorcou case en tempo real e sobre o papel unha partitura poética popular con moitas doses terapéuticas.
A primeira parte “son reaccións ao día a día da enfermidade. E a segunda tamén, pero xógase coa (im)perceptible complicidade da natureza. Iso é Faíscas”, resume Domínguez Alberte, quen recoñece que o proceso creativo “a min axudóume a facerlle fronte á adversidade durante moito tempo” (…)”