A colección Púrpura trae referentes feministas ao galego

Desde Sermos Galiza:
“A editorial Hércules bota a andar a colección Púrpura, un proxecto que se propón traducir ao galego textos de referencia dos feminismos actuais. A iniciativa xurdiu do xeito máis natural. “Achegueime aos libros como lectora”, conta a editora da colección, Laura Rodríguez Herrera. Ante o auxe da temática feminista presente no noso día a día, escolleu optar por autoras de prestixio, recoñecidas pola crítica e o público, cuxas obras poderiamos considerar clásicos contemporáneos. Mulleres e Poder, de Mary Beard, e Os homes explícanme cousas, de Rebecca Solnit abren a liña.
O primeiro, de 2017, está traducido por María Alonso Seisdedos e trae á nosa literatura as reflexións da erudita británica do mundo clásico, cun manifesto revolucionario que explora o papel das mulleres no poder desde Medusa até Merkel. Beard intérnase nos fundamentos culturais da misoxinia, considerando a voz pública das mulleres, as nosas asuncións culturais sobre a relación do xénero co poder e como as mulleres que o ostentan se resisten a seren encadradas en esquemas masculinos.
A segunda obra, publicada en 2014 e traída ao galego por María Fe González Fernández, reúne ensaios nos que Solnit cita a súa experiencia persoal e outros exemplos reais de como os homes mostran unha autoridade que non gañaron, mentres as mulleres foron educadas para aceptar esa realidade sen cuestionala. Desta obra estendeuse o fenómeno bautizado como “mansplaining”.
Como mostran ambos títulos, a colección céntrase en textos actuais, cos dereitos de autoría vixentes, que foron levadas a preto de 20 linguas. Rodríguez argumenta que sería “unha mágoa que o noso sistema literario non tivese traducidas obras desta categoría”. Ademais, considera que “este tipo de ensaios son útiles, pois permiten que cada persoa tire unha conclusión e dan claves que axudan a comprender moitas cousas que están a acontecer na actualidade”. (…)”