Artigo de Ramón Varela Díaz en Mundiario (foto do autor, desde Nós Diario):
“Oito comunidades autónomas están afectadas neste momento por incendios forestais. A 14 de agosto, o lume afectara xa 148.205 hectáreas no Estado español no que vai de ano, segundo o Sistema de Información de Incendios Forestais Europeos (EFFIS), cando a media anual (2006–2024) é de 79.570 ha. De 22 países europeos con datos, España está hoxe á cabeza e Galiza, como case sempre, situarase tamén no grupo de cabeza das comunidades autónomas tanto en número de incendios como en superficie arrasada. Na actualidade xa se superaron as 23.000 ha e a cifra segue subindo; mesmo o presidente galego admite que a situación “vai seguir sendo moi complicada” nos vindeiros días.
Mentres no Estado a superficie forestal ocupa o 56 % do territorio, en Galiza o forestal (arborado e desarborado) representa o 68,6 %, co agravante de que as repoboacións fixéronse con especies pirofíticas, é dicir, que arden ben, propagan o lume e saen beneficiadas del, xa que a súa estratexia biolóxica de ocupación e avance no territorio depende en parte do lume.
Problemática: Os incendios provocan perda de paisaxe, biodiversidade e hábitats; impacto na saúde pola inhalación de partículas finas PM2,5 e substancias tóxicas; emisión de monóxido e dióxido de carbono (CO2) e doutros gases que contribúen ao cambio climático. Interrompen o tráfico e as vías ferroviarias, obrigan a desaloxos e provocan vítimas humanas ao intentar apagalos.
No eido económico, xeran perdas importantes directas en propiedades, granxas e vivendas, e volatilízanse os cuantiosos fondos e recursos dedicados ao tema. Posteriormente hai que engadir a erosión, o aumento do risco de inundacións, os corrementos de terra… Tamén crean no rural desánimo, rabia e impotencia.
O caso de Ourense
Ourense é a provincia máis castigada polo lume (segundo La Región: Chandrexa de Queixa, dous incendios con 10.500 ha queimadas; Maceda, 2.200 ha; Oímbra, 5.000 ha; A Mezquita, 4.500 ha, e outros moitos máis pequenos). Curiosamente, é a provincia máis montañosa, menos forestal arborada e presenta grandes extensións de monte baixo sen arborado (ou mínimo), monte privado pertencente a comunidades de veciños.
O monte baixo ten gran riqueza de hábitats e é rico en biodiversidade. Antes, na economía labrega, cumpría diversas funcións: pasto para animais en liberdade ou semiliberdade (cabalos, vacún, ovellas, cabras…), cultivo temporal de cereal —Ourense foi hai décadas a provincia cerealística de Galiza—, aproveitamento para a caza, para a recollida de cama do gando e para estrume. Hoxe está practicamente desaproveitado, ignorado e incendiado continuamente, sen que exista unha política de ordenación e recuperación adecuada, como esixe a realidade económica e social.
Os incendios non son unha novidade en Ourense: entre 2015 e 2024 queimáronse 102.421 ha, de 185.562 ha queimadas no conxunto de Galiza. Nesta provincia rexistráronse 6.618 lumes de 17.172 no total galego, é dicir, o 38,5 %, e arde de media o 55,2 % da superficie que se queima en todo o país. Nos últimos 30 anos, Ourense estivo sempre á cabeza en grandes incendios forestais (GIF) e en superficie queimada. Entre 2015 e 2024 producíronse na provincia 21 GIF, de 34 no total galego, queimando 121.744 ha, o 50 % da superficie queimada en Galiza. Se no conxunto do país os lumes son intencionados nun 74,9 %, na provincia de Ourense chegan ao 79 %.
Quen quere que a situación siga así? Que políticas se puxeron en marcha para reverter a situación? Son responsábeis os gobernantes do Goberno galego e da Deputación? A administración potencia o abandono do rural e favorece a irracional repoboación forestal con piñeiros e eucaliptos. Facilita a entrada de grandes empresas e multinacionais da minería para explotar o monte (litio, coltán…) sen que Galiza obteña beneficio económico ou social. Non importa que estas actividades cheguen aproveitando subvencións, consuman grandes cantidades de auga, xeren contaminación e provoquen desastres paisaxísticos. Aquí non se transforma o mineral que se extrae (postos de traballo limpos), e os beneficios empresariais tributan fóra do país. Todo está perfecto para o capital e a administración.
As empresas eléctricas Naturgy, Iberdrola, Endesa e Greenalia ven o territorio galego como un espazo a conquistar. Proba diso é que xa converteron Ourense nun monocultivo de electricidade (Miño, Sil e afluentes) e pretenden seguir producindo con bombeo hidroeléctrico ou almacenando a electricidade en baterías para exportala máis tarde (Galiza exporta a Portugal, Madrid e Euskadi máis da terceira parte da electricidade que produce). Por se fora pouco, ven Ourense e Galiza enteira como un gran parque eólico de onde obter cuantiosos beneficios, deixando apenas nada.
Queremos iso? Teñen sensibilidade de país os nosos gobernantes? Ourense, abandonada desde o franquismo, sufriu un despoboamento alarmante que continúa hoxe: segundo o INE, pasou de 430.159 habitantes en 1981 a 304.467 no rexistro de 2024. Onde está a ordenación do territorio racional, ecolóxica, sostible e social que mellore a economía do rural? Onde están as medidas para recuperar poboación e servizos?
Paos de cego contra o lume
O presidente da Xunta dicía en decembro de 2024 “que contaba cun dos dispositivos contra o lume mellores de Europa”; vese que non é así: fixo o ridículo. En 2023 externalizou o sistema de loita aérea contra o lume por 13,4 millóns ata 2026, sen que iso estea a dar resultado. Anunciara no Plan contra incendios (Pladiga 2025) novidades como a creación da figura dun xefe de loxística en grandes incendios, o aumento dun 20 % na formación e adestramento do persoal, plans preventivos para parques naturais, incremento da rede de videovixilancia, uso de drons, máis profesionais dispoñibles, helicópteros, motobombas, brigadas, axentes, técnicos, palas… Todo co obxectivo de que ardesen en 2025 menos de 18.554 ha, obxectivo que tristemente xa non se cumpre a estas alturas de ano.
A pesar do gasto de máis de 200 millóns de euros por parte do Goberno galego e de 5,2 millóns destinados este ano ata maio pola Deputación de Ourense, estamos igual que outros anos, sen avanzar. Isto indica que a prevención é insuficiente ou está mal enfocada, e que a extinción é un fracaso. A investigación e detención de culpábeis queda en mera intención teórica. Aquí arde todo: monte arborado e desarborado, pastos… e, para colmo, prodúcense evacuacións e quéimanse vivendas.
Algo parecido sucede con áreas protexidas: os incendios chegaron a parques naturais, ardendo nos últimos anos o 32,38 % da súa superficie, ou a zonas da Rede Natura 2000, con espazos que queimaron en pouco tempo máis do 15 % da súa extensión.
Preguntámonos: podemos esperar unha política axeitada que remate cos incendios e permita deter os incendiarios? En Galiza está demostrado que non.”