Berta Dávila: “É emocionante ver un teu libro en xaponés”

Entrevista a Berta Dávila en Letra en Obras:
“(…) – Letra en Obras (LeO): En 2010 Barbantesa publicaba un libro teu de relatos agrupados baixo o título A arte do fracaso. Agora acaba de saír a tradución ao xaponés. Como se leva iso de saber que vai haber xente léndote a 12.000 quilómetros de distancia?
– Berta Dávila (BD): É emocionante, desde logo. O libro será distribuído como e-book, aínda que se fixeron algúns exemplares en papel para cuestións de promoción. Así que potencialmente pode chegar a calquera falante de xaponés, estea onde estea, algo que resulta moi interesante porque permite que as linguas soborden fronteiras xeográficas.
– LeO: Como acabou o libro traducido ao xaponés e quen se encargou da tradución?
– BD: Foi unha proposta de Pulp Books que, desde Cangas do Morrazo, levan a literatura do país a todo o mundo. Eles editaron a tradución ao castelán e agora preparan outra para o eúscaro. Da versión xaponesa encargáronse Mona Imai e Megumi Shiozawa. Unha non pode ficar máis que agradecida por ter recibido unha proposta deste tipo. (…)
– LeO: A pesar de que es unha escritora ben nova xa sabes o que é ser traducida a dous idiomas diferentes ao galego (castelán e xaponés). É a internacionalización a chave mestra que precisa a nosa literatura?
– BD: Creo que escribindo en galego é posible chegar a todas partes, outro cantar é que interese nalgures algo que escriba eu, iso dubídoo. A verdade é que non teño a resposta sobre as chaves mestras que precisa a nosa literatura, pero o proxecto de Pulp Books paréceme moi interesante e coido que tamén importante. (…)”