Entrevista a Xavier Queipo en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): O feito de falar de vender, de comercializar, non é o acostumado dentro do mundo da literatura. Está claro que ese é o obxectivo final de todo escritor, pero parece que custa dicilo así abertamente, non?
– Xavier Queipo (XQ): Non debería. O obxectivo de calquera escritor é acadar o maior número de lectores posíbel (e quen diga o contrario minte), mais a literatura non deixa de ser un produto e, por tanto, réxese polas leis do mercado. A publicidade, o escándalo, a imaxe pública, a notoriedade dos autores (estou pensando neses comunicadores que publican libros, nos políticos a quen lles escriben as memorias, etc) son armas para vender. Ás veces úsanse e outras non. Xa ves que non me custa dicilo, isto é un negocio e para iso hai tipos listos que deseñan un público específico como obxectivo. Eu non son un tipo listo ou se cadra teño unha profesión que me permite polo de agora vivir sen dificultades e, por tanto, non preciso escribir un produto prefabricado e só escribo o que me peta, cunha grande liberdade creativa. Hai xente que lle gusta o que eu escribo e outra non me le porque as editoras concentran a súa publicidade noutros libros que eles consideran de maiores ventas potenciais. Iso é así, o mercado, a lei da oferta e da demanda, a concentración de capital, o mainstream, os produtos feitos para ser vendidos nos centros comerciais,…
– NG: Nestes momentos, dende hai xa tempo, vives en Bruxelas e non te dedicas a escribir como forma de gañala vida, non é posible neste momento vivir da escrita?
– XQ: Son médico e como tal exercín alternativamente entre 1982 e 1986, mais logo deixeino para seguir o camiño da miña outra profesión que é a de biólogo. Foi esta a que me trouxo a Bruxelas hai agora 25 anos. Eu escribo bastante. De feito logo de dúas ducias de libros publicados, teño case tanto material sen publicar do que publicado (o que fala tamén dunha escolla antes de por un texto diante dos lectores). Por circunstancias da vida non tiven fillos e a miña parella tamén é un creador. Iso facilitou as cousas, sobre todo a nivel de convivencia (vivir cun escritor é difícil). Ao ter un traballo ben remunerado, as presións son menores e daquela a liberdade aumenta de xeito exponencial. Non, coido que non sería unha boa idea dedicarme só á escrita. En galego non dá para vivir e tería que traballar de xornalista, o que non é algo que me atraia.
– NG: Como xurde a túa vocación? En que momento comezas a escribir e por que?
– XQ: Comecei a escribir por necesidade de expresar sentimentos. Estaba aínda no ensino primario, mais como era moi tímido, escribía o que non era quen de dicir (xa imaxinas, amores imposíbeis e outras preocupacións da mocidade). Gustábame ler e coa práctica e a lectura cotián fun avanzando até que en chegando os trinta anos pensei que estaba maduro bastante para publicar un libro, o que foi case unha casualidade, por mediación do tamén escritor Xelís de Toro e do editor Paco Macías, que me animaron a publicar Ártico e dos que fiquei por sempre agradecido. (…)”
Arquivos da etiqueta: Noticieiro Galego
San Sadurniño: Tecín soia a miña tea, homenaxe a Rosalía, con Ana Hermida
Pódense ler aquí recensións posteriores sobre o acto: en Noticieiro Galego, na Biblioteca do centro, no Concello de San Sadurniño e en Diario de Ferrol.
Xosé Neira Vilas: “Os emigrantes hai sesenta anos eran campesiños semianalfabetos, agora son licenciados”
Entrevista a Xosé Neira Vilas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): As voces da infancia tiveron sempre un peso moi importante na súa obra; Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo… Significa isto que a súa tivo moita importancia para vostede? Como foi a súa infancia?
– Xosé Neira Vilas (XNV): A miña infancia foi a dun neno campesiño de familia pobre. Unha infancia de moito traballo, de moito esforzo, de pan de broa, remendos, zocos. Pero en definitiva toda infancia equivale ao paraíso da nosa existencia. Por tanto, aínda que foi dura, foi un tempo feliz coma no caso de todos.
– NG: E á hora de escribir, que lle permite esta perspectiva? Que ten de diferente esa visión dos rapaces?
– XNV: Síntome moi a gusto entre nenos e nenas, e adolescentes. Estiven en moitos colexios de toda Galicia, e sigo indo a eles porque me gusta escoitalos e falarlles. Tiven unha bonita experiencia en Cuba cando dirixín a revista Zunzún durante sete anos. Unha revista da que publicabamos 250 mil exemplares cada mes e que resultaban insuficientes.
– NG: Xa ten contado noutras ocasións que Memorias dun neno labrego orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?
– XNV: Efectivamente Memorias non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura. (…)”
Entrevista a Xosé Neira Vilas
Entrevista a Xosé Neira Vilas en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Xa ten contado noutras ocasións que Memorias dun neno Labrego orixinariamente non era un libro para nenos. Sen embargo, a pesares de non estar escrito con esa idea converteuse en todo un referente en colexios e institutos, por que cre que foi así?
– Xosé Neira Vilas (XNV): Efectivamente Memorias non é un libro para nenos, pero é que en 1961 non estaba definida a literatura propiamente infantil. Botáronlle man os rapaces e os mestres anos despois, cando empezou a utilizarse o galego nas escolas porque se trataba dun protagonista neno. O máis asombroso para min é que Balbino vivía nun ámbito moi distinto ós rapaces de hoxe, e sen embargo os de hoxe ségueno lendo. Eu asino mitos exemplares cada vez que vou a un colexio ou a outro lugar onde haxa rapaces. E tamén adultos. É un fenómeno que pertence á socioloxía da literatura. (…)
– NG: Agora, dende a súa perspectiva actual, á fronte da Fundación que leva o seu nome, como ve vostede a situación da literatura galega? E no que respecta ao futuro?
– XNV: A literatura galega vai ben a pesar da crise e a pesar de que merman lectores. Temos editoriais, concursos, premios nacionais e internacionais. Non é pouco para un pequeno país coma o noso e nas circunstancias actuais. En canto ao futuro, non sei, pero penso que seguirá consolidándose.
– NG: En canto a situación na que se atopa Galicia? Como era o pobo que deixou e como é o que atopou anos despois?
– XNV: Completamente distinto. Cando me fun, o ano 1949, a maioría das aldeas non tiñan nin electricidade. O tractor non se coñecía, as estradas non estaban asfaltadas, non existían os grupos escolares de hoxe. En fin, se nos poñemos a comparar as diferenzas son grandes aínda que queda moito `por facer e hai que seguir loitando para que se faga, para lograr un maior benestar para o noso pobo, e sempre mantendo a solidariedade cos que menos teñen.
– NG: E un home do seu compromiso social e cultural, como valora a situación actual na que nos atopamos?
– XNV: A actual situación, en sentido xeral, é moi complexa, algo así como un impase do que non sabemos o que sairá. Son optimista, aínda que tamén realista. Penso que todo cambiará para mellor. Malia á corrupción, etc. (…)”
Entrevista a Xosé Vázquez Pintor
Entrevista a Xosé Vázquez Pintor en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Ti es hoxe un escritor que tocou todos os paus da literatura: Poesía, Relato, Novela, Ensaio, Teatro, e en todos con éxito de abondo. Cal é o segredo desa polivalencia xenérica?
– Xosé Vázquez Pintor (XVP): Non hai segredo. Hai amor e ousadías. Cadaquén un mundo seu que necesita emerxer dende a solaina. Noite e día ensoñación e sorte.
– NG: Es un home e un escritor comprometido coa realidade e coa cultura deste país. Cal é hoxe, segundo o teu xuízo, o panorama social e cultural que vivimos?
– XVP: A lúa anda no minguante (que ten un dobre valor cando non vai eivada) e o sol en sombra ou cacharelas. O contradito case sempre seica foi así. Son os nosos astros con espello. O mundo Gallaecia é o recantiño natural que ten de seu a prehistoria digna no granito e nas estrelas; mais… o paso do tempo venta solano ou travesío e o futuro da vida é case sempre unha poutada, un couto. Velaí vén polo noso mes de maio o Xosé María Díaz Castro, o Poeta dos Vilares, coa Penélope Atlántica, máis grandeira acaso cá fición. O panorama pode ser unha orquestra de moda ou o realismo suxo de ocasión: predador, afoute e descarado que nos manca e doe dende o repaso das idades. Con/fiamos aínda na roca namentras alguén dos algures ispe cada vez máis a nosa terramar dende os tantos anos das esperas. O ceo aínda non pinta solidario. “Aran os bois e chove”. Mais o outro tempo en craro de noso virá.
– NG: Tampouco esquecemos que es mestre, e iso ten moito que ver nesa realidade. Por onde vai o futuro do ensino?
– XVP: Non debería ir xa por onde o levan. O dogmatismo e o rancio do sistema educativo é tamén un couto que conduz arteiramente cara a doma, a ignorancia, o despiste e a penuria. Aburren e creban as mentes. Mais aínda hai rostros e voces limpas, fermosas, solidarias, cultas… Dende a solaina da miña xubilación véxoas vir e seinas, son futuros, atmosferas onde a vida sabe e quere sempre estar. Espabilar: é o designio fronte ao resignio. Dende xa. (…)”
Xosé Luna Sanmartín gaña o XVIII premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela
Desde Cultura Galega:
“O profesor Xosé Luna Sanmartín (A Estrada, 1965) é o último gañador do premio xornalístico Manuel Reimóndez Portela, por cinco artigos de opinión (A paixón polos libros, Feira da Construción, Finalidade suprema da lectura, Fútbol e Literatura e Librerías Paraíso) que publicou no xornal dixital noticieirogalego.com. A entrega do galardón, dotado con 1.000 euros, terá lugar o vindeiro 20 de setembro, no marco da XXVII Feira do Moble de Galicia. O xurado destacou “a frescura e a actualidade dos mesmos, destacando a coherencia temática e o recurso eficaz ao humor e ás anécdotas ben traídas”.”