“Cesáreo Sánchez é arquitecto técnico, poeta é presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). E, ademais de todo iso, un gran viaxeiro. O seu pasaporte está cheo de selos de multitude de países e Europa, América ou Asia. Pero, entre todos eles, un marcouno para sempre: Exipto. Das súas estancias na terra dos faraóns nace o seu último traballo, no que aínda se atopa traballando e que levará por título O caderno do Nilo. Será un libro que saia do prelo máis de dous anos despois do seu último poemario, O paraíso das sombras, que recollía vinte anos de traballo, e é que Cesáreo Sánchez é un escritor dos de antes.
“Eu sempre traballo con distintos ritmos, en varios libros a un tempo. Entón, despois de lanzar un poemario no que investín tantos anos e que revisei tantas veces, pensei que chegara o momento de reflectir as miñas viaxes por Exipto”, sinala o presidente da AELG, que se considera unha persoa con “gran paixón” por coñecer outras culturas.
“Despois de viaxar polo Mediterráneo e por Grecia, chegar a Exipto para min significou ir ao lugar onde se superpoñen os temos históricos con maior evidencia, onde toda Europa foi para comprenderse a si mesma e onde parte todo o que ten que ver coas relixións monoteístas, e onde, antes ca min, foron moitos outros escritores. Todo isto superponse en algo moi concreto que é o Nilo, un río que enxendra historia, cultura… Todas estas circunstancias fóronse acrisolando e acabaron no que mellor sabe facer un poeta”, sinala Cesáreo Sánchez.
Por outra banda, considera que o froito deste traballo “non vai ser un libro de poemas á antiga usanza” ou “ao xeito habitual no que eu escribo”. “Volverei a el, pero creo que era moi importante poder poetizar ao meu xeito a historia, os territorios, todo o que é Exipto”, sinala.
Con respecto á estrutura do texto, pese a prudencia que caracteriza a Cesáreo Sánchez –”un pensa e propón, pero ao final o poeta que hai dentro de un é o que dispón”–, este vai seguir a forma da propia viaxe, dos camiños percorridos polo viaxeiro, partindo do que supón para o protagonista “sentirse dentro doutro territorio para retornar ao propio”, e é que para el, “o poeta, se non é capaz de vivir o que está escribindo, non é poesía, é outra cousa”.
Por último, O caderno do Nilo tamén será, segundo o seu autor, “unha reflexión sobre todo aquilo que ten que ver comigo como ser humano, como persoa que pensa o tránsito do tempo, da historia, do froito dunhas viaxes que van dende 1989″, ano no que Cesáreo Sánchez chegou a Exipto por primeira vez.” Vía Xornal.