Artigo de Eli Ríos na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“O diario violeta de Carlota (Gemma Lienas, 2011, Galaxia) é precisamente iso: un diario que escribe unha adolescente chamada Carlota. Non existen, polo tanto, nesta narrativa, espazos de fantasía ou irreais. Carlota escribe sobre o mundo que a rodea.
O día do 14 aniversario de Carlota, a avoa Isabel dalle como agasallo un caderno rosa cunha mancha violeta e non sabe moi ben qué facer con el. A súa outra avoa, Ana, propónlle analizar a realidade desde outra perspectiva porque “Todos os elementos machistas vánsenos metendo dentro do cerebro sen que no deamos de conta. Precisamente para sermos conscientes, temos que poñer unhas lentes violetas(*) e miralo todo cuns ollos novos, con ollos feministas (*) (p. 22) xa que “as lentes violetas que me permiten ver- deixando á parte esa mirada masculina que nos ensina a sociedade- o significado real de moitas situacións” (p. 141) Desta forma, Carlota realiza enquisas, cuestiona a familiares e persoas coñecidas, observa os medios de comunicación desde a óptica da igualdade para ir descubrindo as grandes diferencias no tratamento entre homes e mulleres en cuestións como o sexo, relacións e diferenzas laborais, educacionais, etc. Afectada por todos os datos que recolle decide crear ACOMI (Asociación Contra Os Modelos Impostos, p. 122) para dar a coñecer os resultados das súas pesquisas e implicar non só o seu círculo máis próximo senón, incluso, a colectividades doutros centros educativos porque “temos que loitar contra calquera discriminación” (p. 151).
Aínda que na versión galega hai algunha colocación pronominal que dificulta a súa lectura (“Así pois, convencinche para escribires o teu diario violeta?”- p. 22-, “E que queres que lle eu faga?” -p. 79-, “É que a min me gustan as mozas…”-P. 119-), en xeral, esta historia está narrada con moita naturalidade e sentido do humor. Búscase, polo tanto, un achegamento á persoa que le sen victimizar as mulleres, sen atacar aos homes e cunha linguaxe próxima á utilizada na adolescencia para facer unha análise de diferentes aspectos. Ademais inclúe, no final, un glosario no que se explican e detallan as palabras e conceptos que poidan resultar complicados.
Sen ser unha novela nin un manual, este diario pon riba da mesa aqueles interrogantes que, hoxe en día, están de plena vixencia: as expresións que, aínda que non se usen con intención de facer dano, teñen tintes machistas por tradición, a crueldade coa que se califica o físico das mulleres, os hábitos aprendidos como que o rapaz teña que tomar a iniciativa nunha relación amorosa, etc. E, sobre todo isto, Carlota apréndenos a reflexionar cunha sinxela regra da inversión coa que, dándolle a volta á nosa forma de ollar as cousas, descubriremos (e incluso nos sorprenderemos) que a realidade está chea de prexuizos e desigualdades. Si. Prexuízos e desigualdades que, unha vez detectados, teñen solución. E Carlota convídanos a xuntarnos nese esforzo.”