É para rir: de Castelao aos Tonechos

Reportaxe publicada en Cultura Galega:
“Moito se ten falado sobre a importancia do humor como elemento definitorio da identidade galega. Desde Castelao a Piñeiro, pasando por Celestino Fernández de la Vega, Paz Andrade ou Siro López, diferentes pensadores analizaron o xeito no que nos rimos os galegos. Agora, Félix Caballero presenta unha obra na que recolle e analiza as opinións ao respecto. Edicións Morgante presentaba o pasado mes de decembro O humor galego alén da retranca, un traballo no que Félix Caballero analiza o xeito que temos de nos rir e repasa as visións que sobre este fenómeno ten dado a cultura do país. No seu traballo atopamos desde análises xa clásicas sobre o humor galego ata comentarios sobre series televisivas actuais e o xeito no que o noso xeito de entender o sorriso se adaptou aos novos tempos. Na obra, a seguir autores como Baldomero Cores ou Paz Andrade que xa teñen tratado a cuestión no noso país, Caballero distingue “catro xéneros ou formas de humor. Está a retranca, que penso que é unha manifestación puramente defensiva onde se actúa con moito disimulo para dicir o que un quere sen que pareza mal, mais sen intención de burla”. Tamén ten este carácter o trasacordo, caracterizado por se desdicir do dito ou mudar de opinión. Fronte a isto, “a sorna é un xeito indirecto de loita, ten unha intención de atacar”. A rexouba, pola súa banda, “ é un tipo de humor claramente expansivo, mesmo ofensivo no mellor sentido da palabra, xoga coa burla e a exaltación”. O interese por analizar este fenómeno non é orixinal de Caballero, quen recoñece que o seu traballo supón unha compilación e unha análise de diferentes achegas que sobre esta materia que xa se teñen feito no país. “Non achega novidades teóricas, o que fixen foi compilar e ordenar o que se ten dito, pretendía facer unha especie de introdución”, sinala. Con O segredo do humor de Celestino Fernández de la Vega como obra de referencia ineludible para quen queira reflexionar sobre o tema, son varios os autores que no país abordaron esta cuestión. Malia ao interese que existiu e existe no noso país, Caballero recoñece que non foi sinxelo compilar a extensa bibliografía que manexou para o seu traballo. “A maior parte son artigos en revistas e referencias dentro de libros que non tratan especificamente a cuestión. De feito penso que o único traballo específico é o de Celestino Fernández de la Vega, que xurdiu como unha encarga para este investigador da man de Piñeiro e dos responsables de Galaxia”, lembra. “Castelao, Piñeiro, Rof Carballo ou máis recentemente Siro, que ten escrito moito, trataron o tema”. (…)”.