“Philip Marlowe e os demais”

Artigo de Daniel Salgado en Sermos Galiza:
O longo adeus, de Raymond Chandler, posúe todos os estilismos, todas as teimas, da novela negra hoxe canónica. Pero porque, en boa medida, os inventou. Ou, polo menos, solidificounos. Publicada orixinalmente en 1953, polas súas páxinas pulula o detective Philip Marlowe, resacoso e melancólico, solitario e desencantado.
Este, un dos máis celebrados exemplos do noir estadounidense, carecía de versión galega. Até este mes de marzo, en que Hugin e Munin a publicou, da man do tamén escritor Diego Ameixeiras e do tradutor, e director da editorial, Alejandro Tobar. “A primeira vez que o vin, Terry Lennox estaba bébedo nun Rolls-Royce Silver Wraith, no exterior da terraza de The Dancers”, pon Chandler en situación.
O longo adeus narra a historia cruzada de Terry Lennox e Roger Wade, e aproveita para trazar un descarnado relato das clases altas californianas. Segundo Hugin e Munin, trátase da “obra máis ambiciosa” de Raymond Chandler, cincocentas páxinas e “unha demostración de forza”. En 1973, Robert Altman adaptouna memorabelmente ao cinema.
Malia se tratar dun clásico, o crítico Xesús González Gómez amosaba no seu feroz breviario A novela policial. Unha historia política (Laiovento, 2002) certas reservas respecto da escrita de Chandler. “Representa, no xénero, o momento da reconciliación e da beleza”, escribía, “o que non nos debe facer esquecer que este xénero, baixo pena de converterse nunha forma vacua, non pode reconciliarse”. Todo o contrario que Dashiell Hammett, sinalaba. A quen tamén traduciu Diego Ameixeiras para Hugin e Munin.
Colleita vermella, de 1929, é a única novela de Hammett en galego. Hai ademais contos na Antoloxía do relato policial (Vicens Vives) ao coidado de J. Santamaría e P. Alonso e na escolma Negras sombras (Galaxia, 1997). Do período clásico, que se divide talvez en dúas promocións, contou mellor fortuna o turbio, dostovieskano, Jim Thompson. Rinoceronte Editora publicou tres das súas pezas maiores: O asasino dentro de min (1953/2012), Pob. 1280 (1964/2012) e Os caloteiros (1963/2013). Eva Almazán encargouse das traducións. (…)”