Desde Galaxia:
“A fin de semana arrincaba coa boa nova da concesión do Premio Lazarillo á escritora María Solar, pola súa novela infantil, que Galaxia publicará no primeiro trimestre de 2015, ilustrada por María Lires, O meu pesadelo favorito. (…)
– Galaxia (G): Que historia imos atoparnos no teu libro?
– María Solar (MS): Ides atopar unha historia na que convive a realidade cos soños, o absurdo co racional, o medo coa tenrura e o amor. É a historia de Manuel, un neno con febre a quen o veterinario lle receita un xarope para cans e comeza ter soños con curiosos personaxes. Cada un dos personaxes do libro podería ter a súa novela. É un todo feito de moitas partes con cada un deses personaxes.
– G: O xurado celebrou a festa imaxinativa da novela, a capacidade fabuladora que demostraches. Que che parece esa afirmación?
– MS: Neste libro sobre todo fun libre. Inmensamente libre, liberei a imaxinación e deixeina ir. En moitas outras ocasións eu mesma me puxen límites imaxinativos.
– G: O teu libro fala de soños dentro de soños, dun home que lle fai buratos os queixos, de caixas que conteñen recordos… semella unha obra distinta ao por ti publicado ata o de agora….
– MS: Creo que si estou noutro momento literario e incluso persoal. Unha medra, evoluciona e madura con cada libro. Aprendes dos acertos e dos erros. É diferente e ao tempo creo que xa hai algunhas claves que me identifican na forma de escribir.
– G: Que che gustaría provocar nos lectores e lectoras que lean esta obra?
– MS: Gustaríame emocionalos. Provocar sorrisos, bágoas, tenrura, reflexións… creo que a historia ten varios niveis de lectura e da para moito. E gustaríame moito que a leran tamén adultos!
– G: O libro lévase o Lazarillo. Que sentiches cando cho comunicaron?
– MS: Creo que sinto máis cousas agora que cando mo comunicaron que case só repetin varias ducias de veces “que ben!” Gañar un premio de caracter nacional cun libro escrito en galego sempre me pareceu moi dificil porque o xurado ten que facer un esforzo extra de lectura. Pero elexírono e iso vai posibilitar un futuro esperanzador para el, e traducións. É o que quero, escribir en galego e non ter barreiras no mundo.”
Arquivos da etiqueta: O meu pesadelo favorito
María Solar gaña o Premio Lazarillo de Creación Literaria 2014 con ‘O meu pesadelo favorito
Desde a OEPLI:
“O pasado venres 28 de novembro falláronse os Premios Lazarillo 2014, convocados pola Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (OEPLI), co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. (…) Desde o ano 1986 é a mencionada Organización a encargada de convocalos anualmente, en dúas modalidades: Álbum Ilustrado e Creación literaria, cunha dotación de 3.000 euros cada unha. Na modalidade de creación literaria a gañadora foi María Solar coa obra escrita en galego O meu pesadelo favorito. Na modalidade de álbum ilustrado a obra gañadora foi El país donde habitan las cigüeñas, con textos de Marta Núñez e ilustracións de Maite Mutuberria. O acto de entrega dos diplomas e premios terá lugar no marco do XXXVIII Salón del Libro Infantil y Juvenil de Madrid, o día 13 de decembro, ás 12:00 h., no Centro Conde Duque de Madrid.”