Muiñeira da Pinguela, de Lupe Gómez, acada o primeiro premio no X Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde Crónica3:
“Lupe Gómez Arto (Curtis, 1972) álzase como gañadora da X edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, premio convocado polo Concello de Mondoñedo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Muiñeira da Pinguela.
O xurado destacou nos versos de Lupe Gómez a súa capacidade evocadora, que nos traslada ao mundo da infancia e aos eidos familiares da memoria, cunha moi hábil alternancia do poema versal e o poema en prosa e a integración na escrita propia de diversas voces literarias citadas e homenaxeadas.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada O mapa do pintor, da que é autor Xurxo Alonso García (Buenos Aires, 1956), residente en Vilagarcía de Arousa.
O xurado salientou na súa proposta poética a forza das imaxes coa que se ganduxan estes versos así como a súa impecable dicción, que asenta no verso longo, case versicular, e nun celmoso rexistro lexical culto que envolve toda a escrita.
Miriam Ferradáns Ferradás (Bueu, 1982) acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Os amantes.
O xurado salientou na súa escrita a forza das relacións sentimentais que espella, esmaltadas de sintagmas e imaxes ben orixinais, nas que a voz lírica se erixe en cronista dunha intensa historia de amor no escenario dun pasado feliz que se rememora dende un presente de orfandade.
A entrega do premio terá lugar o xoves, 23 de decembro, segundo o seguinte programa:
– 12:30 horas. Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
– 13:00 horas. Entrega de Premios no Salón de Plenos do Concello.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto ao aforo e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.”