Arquivos da etiqueta: Os bailes dos avós. Música e salóns da Laracha de antano
Xabier Maceiras: “Nos 50 había máis salas de bailes na Coruña que en Barcelona ou Madrid”
Entrevista a Xabier Maceiras en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como nace a idea de estudar os salóns de baile?
– Xabier Maceiras (XM): En realidade todos os meus traballos (e este xa é o décimo) teñen a mesma finalidade, que non é outra que a recuperación da nosa memoria. Tanto publiquei sobre o mar e naufraxios (en Carballo, Malpica e Arteixo), como do pasado industrial (cun libro-documental sobre o Polígono de Sabón) ou da historia do fútbol en Arteixo e A Laracha. E agora tocou outra temática, neste caso a dos salóns de baile e dos músicos da Laracha. Os meus traballos sempre son de memoria.
A min encántame traballar nas leiras da memoria porque teño moi claro que cando marche a xente que agora ten máis de 80 anos non haberá de onde tirar para recuperar eses relatos de antano. Como di o meu amigo Miguel Sande, a memoria é onde se asentan os alicerces da nosa propia identidade. É o tesouro que cada quen ten gardado de seu e que nos configura como seres, como persoas, coas nosas vivencias.
– ND: Fai un percorrido destes lugares ao longo de máis de catro décadas. Como evolucionaron?
– XM: Aínda hai edificios que se manteñen en pé, iso si, algún deles cuberto pola vexetación. Houbo un momento no que as verbenas facíanse en todos os lugares do mesmo xeito e cando chegaba o inverno había que bailar ao abrigo. Os nosos antepasados bailaban en alpendres aos que nalgúns casos, para darlle un toque de elegancia, chamábanlle salóns. Nos anos 50 si que se acometeu algunha reforma para adecentar eses alpendres e que fosen salóns como tal. Logo, o nacemento da discoteca Pazos a mediados dos 60, converteríase pouco a pouco na morte dos outros salóns de baile. (…)”