Entrevista de Laura Veiga a Anxo Fariña en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Os Megatoxos e o reto de Internet é a sétima entrega desta serie, mais como comezou todo?
– Anxo Fariña (AF): Quería facer unha historia para adolescentes, de aventuras, mais na que puidese falar das miñas paixóns como a historia ou a ciencia ficción.
Agora as viaxes no tempo están máis de moda, pero desde logo cando comecei con isto non. E sobre todo a literatura para a adolescencia non tocaba este tipo de temas. O feito de escoller o toxo é unha homenaxe aos cómics de súper heroes que lin de neno e tamén por ser unha planta común, que coñecemos ben, e que aquí se converte no extraordinario. Un pouco o que ocorre cos protagonistas: teñen habilidades extraordinarias, mais tamén fan exames e van a clase.
– ND: Mesturar o cotián co fantástico.
– AF: É o que me divirte, pensar coa miña alma de neno que podo atopar algo marabilloso agochado tras unha pedra ou unha fervenza, misterios por descubrir. Iso é o que quero transmitir cando escribo para que as crianzas lle collan o gusto a lectura. Aliás, as viaxes no tempo permítenme tratar diversos temas como a ecoloxía ou o patrimonio cultural.
– ND: Ou Internet.
– AF: Este é o primeiro libro no que os Megatoxos non viaxan no tempo, senón a unha realidade paralela. Eu tamén fago actividades para crianzas relacionadas coa creatividade e recentemente estiven estudando sobre educación e novas tecnoloxías. Este libro naceu no medio da pandemia coa intención de ser máis transcendental e, aínda que manteño temas como o uso e abuso das redes sociais e os videoxogos, finalmente é moito máis divertido.
Non quero destripar a historia, pero a idea é un mundo que cumpre todos os teus desexos, mais pode facelo porque recolle e analiza os teus datos. E as persoas que están aí, están felices, ou aparentemente felices. Neste libro quería facer referencias a filmes, libros e videoxogos actuais e tamén antigos como A historia interminábel ou SuperMario. As ilustracións tamén son algo diferentes do habitual, porque nun mundo dixital hai máis liberade de facer outras cousas, unha maior saturación das cores e outros detalles. Estou moi contento con este libro.
– ND: Por que mudar o ton serio por un máis divertido?
– AF: Son dos que pensa que igual que falamos unha lingua diferente cando estamos no estranxeiro, por exemplo, no Xapón teño que falar xaponés para que me entendan, ás veces hai que facer o mesmo segundo a idade.
Non é o mesmo falar para crianzas de cinco anos, rapazada de doce, persoas de corenta anos ou de oitenta. Aínda que contemos o mesmo, como argallamos o noso discurso e como utilizamos as palabras non é igual.
Quería que sexa a persoa que le o libro a que sacara as súas propias conclusións, porque as redes sociais e os videoxogos teñen a súa parte negativa, pero tamén unha positiva. Isto tamén se ve coas personaxes, porque Ninfa por exemplo está máis preocupada pola natureza, mentres que Ruxe é quen pon a atención no resto dos amigos e da xente, e a súa forma de relacionarse e de socializar tamén é diferente. Ninguén é totalmente perfecto ou imperfecto, inclusive os que se supón que son “malos”, non o son tanto.
– ND: Haberá máis aventuras para os Megatoxos?
– AF: Cando comecei xa o fixen cunha idea de colección. Evidentemente, nestas cousas nunca sabes se van ir ben, mais tiven sorte e puiden seguir facendo libros. A idea é que continúe, aínda que é unha serie finita e de feito xa ten un final pensado. Con todo, antes escribía máis rápido e agora vou máis lento e vivimos tamén nun mundo moi acelerado, con moita présa por ter todo xa. Se todo vai ben, o ano que vén ou dentro de dous haberá unha nova entrega.”