Desde a Deputación de Ourense:
“O escritor coruñés Rafa Vilar (Cee, 1968), vén de gañar coa obra Os outros oficios (presentada baixo o lema “Clara Z”), o XVI premio de literatura infantil e xuvenil Pura e Dora Vázquez na modalidade de narración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.
O xurado, que deu a coñecer a súa resolución esta mañá trala reunión mantida no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense, sinalou que a obra galardoada que se trata “dun texto excepcional desde o punto de vista literario, con moito coidado da prosa e con relatos que amosan un gran coñecemento da lingua”. Asemade o xurado explicou que se trata dunha obra “con gran potencialidade para públicos moi amplos, de fácil e agradable lectura, ademais de ser didáctica”.
Así mesmo, o xurado dixo que na obra Os outros oficios o autor fai “unha galería de retratos que mesturan ben o xogo imaxinativo e adáptase para ser ilustrada”. En canto ás obras presentadas ao premio nesta edición, o xurado agradeceu “o traballo feito” por tódolos autores presentados ao certame”
Ábrese agora o prazo para o XVI Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de ilustración polo que, os interesados en participar, poderán solicitar a obra premiada de narración a través do correo electrónico publicacions@depourense.es ou a través do teléfono 988 317790, para o cal a Deputación de Ourense abre a súa convocatoria dende hoxe ata o día 2 de setembro de 2019. A esta modalidade poderán concorrer os ilustradores que presenten os seus traballos, inéditos e orixinais que se axusten ás bases do premio e que tomen como base o texto premiado de Rafa Vilar. A dotación do premio nesta modalidade de ilustración tamén é da mesma contía co de narración de 1.500 euros.
O xurado da XVI edición do Premio Pura e Dora Vázquez de narración estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández, Mario González, Carlos Rodríguez e Isabel Mociño, actuando como secretaria a xefa da sección de Publicacións da Deputación, Ana Malingre.”