Mudar o xeito no que pensamos a cultura

“Un ambicioso proxecto que ao longo de catro anos achegou ao noso país pensadores de renome internacional. Debates a múltiplas bandas, autores traducidos por vez primeira ao galego e a tentativa de modificar o xeito no que se concibe a idea de cultura no noso país. O Consello da Cultura presentaba o pasado venres un volume de 700 páxinas que fecha a primeira etapa do ciclo O(s) sentido(s) da(s) cultura(s), pero o proxecto continúa. Unha intervención de Félix Duque, a falar sobre O neohumanismo da non cidade abría en febreiro de 2007 este ciclo. Desde entón, un bo feixe de pensadores pasaron pola sede do Consello da Cultura Galega, deixando os seus relatorios e que agora ven a luz nun só volume. Ramón Máiz coordinou este ciclo, que pretende “abordar o concepto de cultura desde a pluralidade no mundo de hoxe. Hai debates moi recentes en Antropoloxía, Socioloxía, a relación de cultura e cidade, a cultura e a nación ou o multiculturalismo”, sinala a resumir algunhas das propostas que se recolleron no encontro. En palabras de Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura, a actividade “reflicte un estilo intelectual e un modo de actuar institucional”. (…)” Desde Cultura Galega.